Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vimianzo reivindica o valor da súa translatio de Cereixo

Historiadores e especialistas do Camiño de Santiago participarán nun simposio do programa O teu Xacobeo esta fin de semana // Xosé María Lema resaltará a gran riqueza iconográfica que hai na Costa da Morte vinculada ao Apóstolo

A igrexa románica de Santiago de Cereixo (Vimianzo) acolle no tímpano da súa porta lateral unha das representacións en pedra máis antigas que se coñecen do episodio da translatio. A singular recreación do traslado do corpo do Apóstolo será obxecto, mañá e pasado, dun simposio que xuntará a historiadores e recoñecidos especialistas no Camiño de Santiago.

Un deles é Xosé María Lema, historiador vimiancés e presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, quen, anos atrás, fixo un estudo conxunto coa laxense Eva López Añón das iconografías xacobeas da Costa da Morte. Asegura que esta translatio "ten un gran valor histórico, e se está representada nunha parroquia perdida da Costa da Morte é por algo". A este respecto sinala que "aínda que non está documentado o d­esembarco de peregrinos en Cereixo seguro que sí os houbo, pois alí había un importante porto fluvial, e tería que haber unha ruta que, seguramente, enlazaba en Brandomil co Camiño a Santiago".

Lema Suárez asegura que hai catro representacións da translatio, unha nunha moeda, que apareceu no Grove, e outras dúas en Tudela (Navarra) e na catedral de Lleida. No caso da esculpida en Cereixo, asegura, "o investigador José Ramón Ferrín pensa que foi feita por canteiros que traballaran na Catedral de Santiago e, posiblemente, fosen tamén os autores da representación da Última Cea do tímpano de Moraime (Muxía)".

Na súa intervención fará tamén un repaso doutras iconografías xacobeas da Costa da Morte que, asegura, se concentran nos arciprestados de Soneira e Nemancos. "A imaxe de Santiago está presente en 20 das 82 parroquias, e destacan dous importantes lugares de culto xacobeo, como son Fisterra e Muxía", sinala. A representación máis común do Apóstolo é a do Santiago peregrino (17 imaxes) seguida do escuestre (9) e tamén hai dúas de Santiago sedente. Destaca, non obstante, o Santiago axeonllado ante a Virxe da Barca, "con moitas semellanzas ao Pilar de Zaragoza".

O simposio celebrarase na casa de cultura de Vimianzo, e será inaugurado pola alcaldesa, Mónica Rodríguez (16.15 horas). Na primeira xornada intervirán tamén Manuel Garrido Rivero, historiador e estudoso do Camiño de Santiago; Bieito Pérez Outeiriño, exdirector do Museo das Peregrinacións de Santiago; Simón Peña, enxeñeiro técnico en topografía e Jorge García, arquiveiro e documentalista.

O sábado, haberá dúas mesas redondas, unha delas sobre O Camiño de Santiago no Plan de acción de turismo da Costa da Morte, na que participarán Sandra Ínsua, alcaldesa de Camariñas e tesoureira de CMAT; Jesús Picallo e Pilar Trillo, presidente e vogal de Solpor; Manuel Lema Sieira, xerente de Casa Perfeuto María, e un representante de Viajes Viloria. A segunda centrarase nos camiños de peregrinación e participarán José A. de la Rieira, directivo da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago; Roberto Roget, secretario da A.C. Baíñas no Camiño en Francisca Antelo, presidenta da A. C. de Berdoias. Como complemento presentarase a mostra A translatio, inspiradora de artistas locais, e haberá unha visita a Cereixo.

23 oct 2019 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito