Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vinte e catro equipos de doce aldeas de Valga participan nas Olimpíadas da Aldea

As actividades deportivas e xogos populares desenvolvéronse na Praia Fluvial de Vilarello // As celebracións continúan o domingo coa solta de vaquiñas e o espectáculo ecuestre de Santi Serra

Vinte e catro equipos que representan a doce aldeas de Valga participan durante a xornada do sábado nas Olimpíadas da Aldea, que se desenvolveron na praia fluvial de Vilarello. Trátase da maior participación dos últimos anos neste torneo, integrado por seis disciplinas deportivas e xogos populares: brilé, carretilla, esquís cooperativos, xirarei, turrasoga e o Mundialito de Fútbol.

En categoría masculina inscribíronse 17 equipos, pertencentes aos lugares de Castiñeiras, Balleas, Casaldeirigo, Regengo, Baño, Sixto, Pontevalga, San Miguel, Cerneira, Forno e Socastro. En categoría feminina, a competición “olímpica” conta coa participación de sete os equipos de Casaldeirigo, Vilar, Pontevalga, Sixto e Forno.

As Olimpíadas reparten case 3.000 euros en premios entre os gañadores e os segundos clasificados de cada xogo. As aldeas que máis medallas acumulen serán proclamadas campioas absolutas e tamén se entregarán trofeos aos equipos máis deportivos.

Sardiñada popular

Ao rematar os xogos, arredor das 21:30 horas, dará comezo a “Festa do Peregrino”, cunha sardiñada popular gratuíta para os participantes e tamén para todos os veciños e visitantes que queiran sumarse. A continuación haberá verbena con Costa Oeste, orquestra revelación deste ano 2019.

O domingo continúan as celebracións na praia de Vilarello. Haberá inchables e touro mecánico para os máis cativos a partir das 16:30 horas.

Ás 18:00 dará comezo a solta de vaquiñas, con Rodadora e Danzarina, dúas reses da gandería Pecar Agropecuaria de Valladolid. Ademais dos afeccionados e espontáneos locais que queiran saltar á area, recortadores profesionais ofrecerán durante a tarde un repertorio de saltos, recortes e caneos. Emilio Colmenero será o director da lida, que conta con todos os permisos e autorizacións que establece a lexislación.

Tal e como establece a Lei de Espectáculos de Galicia, á solta de vaquiñas terán prohibida a entrada os menores de 12 anos, que mentras dure o espectáculo, terán á súa disposición as colchonetas e o touro mecánico.

Unha vez rematada a solta, repetirá participación na Festa da Xuventude o adestrador de cabalos Santi Serra, que o ano pasado colleitou un gran éxito. Chegará a Vilarello cun espectáculo totalmente renovado baseado na doma pacífica, unha disciplina coa que consegue crear un vínculo físico e psíquico de entendemento cos animais.

Santi Serra, cabeza visible da compañía Sercam Shows, medrou entre cabalos e comezou dende mozo a estudar o seu comportamento para comprender como interactuar con eles e converterse no líder da manada de forma natural. A técnica que emprega consiste en exercicios curtos, nos que se ten en conta o ánimo e a personalidade do animal e a partir dos que se establece un xogo baseado na diversión e liberdade, sen fustas ou rendas.

Aínda que debutou en 2007, foi o seu éxitoso paso polo programa “Tú sí que vales” anos máis tarde o que lle valeu as maiores cotas de recoñecemento en España e lle axudou a dar o salto ao escaparate internacional. Os seus animais son, ademais, especialistas en rodaxes. Teñen participado en películas, curtometraxes, anuncios publicitarios e videoclips.

07 jul 2019 / 09:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito