Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
OS OuTROS DÍAS

Violación ocular

    HAI xa días, moitos, unha porrada deles, Luciano Méndez veu publicado un seu escrito nun xornal de nós, de nós todos, quero dicir, que eu lin, e gardei, e que logo non souben onde raios o metera. Hoxe din con el e volvino ler. Luciano Méndez é profesor da USC e foi denunciado por comentarios machistas -ou así considerados polos seus denunciantes- dirixidos a unha moza abondosa (...ó parecer!) de grandes e ubérrimas e solemnes glándulas mamarias, cuxas ubres (...ó parecer!) lucía pletóricas e solemnes, non sei se tamén tan turxentes como correspondería a tan xenerosas ubres, posto que, tamén ó parecer, o escote que as deixaba ver era amplo e disque pouco recatado.

    Menos mal que o señor Méndez imparte aulas na USC e non en calquera das universidades australianas de hai uns cantos anos, non sei se tamén se podería dicir de hoxendía, cando estaba en vigor unha lei chamada de violación ocular pola cal, calquera alumna que se sentise contemplada na súa integridade feminina dun xeito que a inducira á suspicacia, cando non á desconfianza e ó alboroto inmediato, podería telo denunciado por violala ocularmente; así como llo conto.

    O profesor Méndez di no seu escrito algo que se me antolla enormemente acertado cando afirma que "agocharse detrás do politicamente correcto é un xeito de evitar ter que pensar, tomar partido.(...) un xeito cómodo de estar no mundo". Tan correcto me parece o seu aserto que estou desexando que chegue o día no que ser politicamente correcto empece a ser considerado politicamente incorrecto. A ver se así.

    Hoxe, cando me puxen a remexer entre os meus papeis en busca do escrito citado foi a causa do comentario telefónico dun meu amigo que me dixo que cortarlle as orellas a un can pode acarrear u­nha multa de ata cinco mil euriños. Estámonos pasando. ¿E furarlle as orellas a unha recén nacida? Vai resultar agora que darlle unha navallada a un home feito sae máis a conta que rebanarlle o rabo a un can, podar unha cerdeira ou apañar unhas piñas pra prender lume con elas.

    Se volvese a moda do tempo dos Habsburgo, qué pasaría se os homes amosasen tremendo relicario como o que locen os retratos que o Tiziano lles fixo e chegado o caso dunha profesora López que se sentise intimidada, cando non sobreexcitada, deixémonos de lerias, ante tamaña exhibición e recomendara, por exemplo, que non se subise ó estrado a resolver unha integral calquera alumno singularmente dotado. Non pasaría nada. Agás que alguén politicamente correcto lle dera por argallar unha galbana.

    Os tempos van e veñen. O profesor Méndez non andaría moi afortunado, que non andou, pero os correcta e politicamente ofendidos alumnos, non me dirán que non parecen algo sacudidos de máis por unha ventoleira de moralina ambiente.

    Escritor, Premio Nadal

    e Nacional de Literatura

    24 mar 2016 / 23:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito