Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ no pasar dos días }

Entre visións fóra do tempo

    QUIZAIS cabería dicir que lembrar fuxidíos intres da nosa existencia é como soñarmos espertos, que as lembranzas son fragmentos visionados do noso pasado a nos xurdir coma soños da memoria ante imprevistos estímulos inducidos por determinados pensamentos ou reactivados por vivencias da realidade. Mesmo poderiamos poetizalas como un leve ronsel da existencia, no en tanto que a desmemoria é a gradual ausencia de nós mesmos que nos leva cara o horizonte da nada. Algo de tal xeito, máis ou menos, ocorreume nesta ocasión cunha secuencia de asociacións memorísticas producidas a raíz de asistir á anovadora conferencia, chea de interese dende o perspectivismo histórico do noso tempo, pronunciada pola escritora e profesora da UDC María Pilar García Negro, acerca da gran poeta e escritora Rosalía de Castro, este luns pasado no Ateneo de Santiago. Participaba así a prestixiosa e concorrida institución ateneísta na conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, obra cimeira da literatura galega contemporánea.

    O relatorio, como se publicou nunha magnífica recensión nas páxinas deste xornal, levaba por título CANTARES GALLEGOS, HOXE: unha lectura actualizada da obra de Rosalía de Castro, é dicir, o mesmo título que preside a portada do recente libro que se está a presentar da profesora María Pilar García Negro, impreso e distribuído por Alvarellos Editora que nos indican que "é o seu terceiro ensaio sobre Rosalía de Castro. Os anteriores foron: Rosalía de Castro. El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas (2006) e O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010), XV Premio de Ensaio en Ciencias Sociais Vicente Risco". García Negro, nos seus estudos, vén contribuír a liberar, de xeito inequívoco, a Rosalía da longamente sufrida opresión dunha depreciada e distorsionada consideración oficialista a respecto da súa vida e da súa obra.

    Xa no abeiro da miña biblioteca, apenas sen decatarme, o pensamento fóiseme a lonxanas focalizacións extraviadas na memoria, como cando hai medio século se celebrara por vez primeira o Día das Letras Galegas (1963), en conmemoración da publicación dos Cantares Gallegos, no abarrotado acto universitario do Salón Artesoado de Fonseca. Como xa teño escrito nestas páxinas, alí, despois da conferencia de Carballo Calero, interviñeramos coa lectura duns poemas a Rosalía: Xohana Torres, Carlos Casares, Arcadio López Casanova e o autor deste artigo. Estou a ollar, como nun álbum memorábel aquelas escenas, a amigos e amigas, a procesión cívica estudantil dende alí ata a o impresionante monumento a Rosalía fronte á escalinata da Ferradura, o resoar das voces entre as árbores cando se rematou cantando o Himno Galego... Os poemas recolléronse no número 1 de GRIAL. Revista Galega de Cultura. Nun brevísimo limiar comezábase por dicir: "GRIAL inicia a súa segunda época no centenario da aparición dos Cantares Gallegos. En 1863, Rosalía abre con ese libro o camiño da dignificación cultural da nosa lingua". E por ese camiño todos debemos seguir.

    Da Real Academia Galega

    01 jun 2013 / 18:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito