Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

'Viva' de Deville

    Con Viva o escritor francés Patrick Deville está a piques de completar a súa saga de historias que perseguen o obxectivo de percorrer o mundo, acompañando a heroes ou a antiheroes, brillantes ou fracasados, pero que se atopan na orixe dun avance científico, dunha exploración, conquista ou dun acontecemento de incalculables repercusións no devir da Historia. Novelas de non ficción, alicerzadas nun inxente traballo de investigación que se transforma en literatura cando o escritor detén a documentación e inventa unha forma. Viva que vén de ser editada por Anagrama, é, xaora, unha novela de aventuras de verdade, abundantemente documentada, profundamente épica, eficazmente ficcional. Con dous protagonistas, dúas vidas paralelas, Malcom Lowry e León Trotsky, na axitada fervura cultural e política dos anos 30 do pasado século en México, teatro de encontros e desencontros.

    Nese México en ebulición, eles, Trotsky e Lowry, serán os esteos dorsais dunha historia río que Patrick Deville confesa ter escrito contra a amnesia xeral e tamén contra a propia. Nas páxinas de Viva, xunto ao proscrito Trotsky, o defensor da Revolución permanente, e a Lowry, un "obreiro literario" afundido no alcohol e na embriaguez mezcalera, aparecen outros moitos personaxes coñecidos que chegan a México sen saber moi ben a que veñen. Entre eles, os enviados de Stalín, unha nai e un fillo, Caridad Mercader e Ramón Mercader que chega cun pasaporte falso e un piolet para matar a Trotski. Tras ter recorrido o mundo, cada un polo seu lado, o escritor e revolucionario ruso e o escritor inglés están en México, mais sen atoparse nunca. E despois de incontables amores, infidelidades, traizóns, fracasos, idealismo, intentos por participar na Historia con moitas mans tinguidas de sangue, imprescindibles para que aquela avance. Novela fragmentaria, con rachaduras temporais, con amalgama de historia, biografía, ficción e reportaxe, que o autor relata con oficio. Á vez que describe, con precisión e fantasía, os anos 30 da tumultuosa ferventía mexicana, a indíxena fermosura convulsa dun país que ao mesmo tempo atrapa e espanta. E unha morea de feitos paralelos que integra e funde nunha estrutura superior cuxo resultado é unha excelente novela.

    CRÍTICO LITERARIO

    24 abr 2016 / 21:33
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito