Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Voadora presenta a estrea absoluta de "Waltz" dentro do ciclo Teatro & Danza

Voadora (José Díaz, Marta Pazos e Hugo Torres) ofrecen a estrea absoluta de Waltz, dentro do ciclo Teatro & Danza, o xoves 14 de febreiro, na Zona C de Bonaval. Haberá funcións de novo do 15 ao 17 e do 21 ao 24 de febreiro, sempre ás 20:30 horas, agás os domingos, que será ás 19:30 horas. As entradas, a 8 €, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) ou na propia Zona C os días de evento a partir das 18:00 horas.

"O corazón é como un neno, espera o que desexa". Waltz é un conto que fala de amor e desamor, de namoramentos e rupturas, da vida compartida e da lembranza de amores perdidos. En Waltz, a vida é un salón de baile onde imos cambiando de parella: hainas que che pisan os pés, outras agárrante forte pola cintura, a algunhas súanlle as mans e con outras bailarías por toda a eternidade... O amor sempre está moi presente nas producións da Voadora. Pero desta vez a compañía decide tirarse de cabeza e traballar integramente sobre el dedicándolle un espectáculo no que diseccionar os sentimentos, as emocións e as sensacións extremas que leva consigo este tema universal.

Waltz articúlase en tres movementos case independentes, coma se se tratase dunha sinfonía. As principais ferramentas, como vén sendo habitual nos espectáculos da compañía, son a ironía, o humor, a beleza, a poesía, a danza, o absurdo e a música.

A música. Como non podía ser doutro xeito Waltz, un espectáculo Voadora, é un espectáculo musical. Un espazo sonoro composto por máis de 20 temas orixinais que abarcan estilos desde a música dance ao pop, calipsos, unha opereta e, por suposto, Waltz. As pezas musicais, interpretadas en directo polos actores, serven de fío condutor na acción, son ás veces unha personaxe máis ou actúan como banda sonora levando as escenas a esa sempre evocadora linguaxe cinematográfica. Unha concepción do espazo sonoro e lumínico que, a modo dun "deus ex machina" integra unha acción mais dentro da dramaturxia deixando en mans do actor ou en mas da personaxe dar son e luz a aquilo que sucede diante do espectador.

O espazo escénico ten un papel especial e sorprendente neste espectáculo e o vestiario completa a concepción estética característica da compañía, para o que Uxía P. Vaello conta coa colaboración da deseñadora Amai Rodríguez e a marca de tocados Toca Fedella Toca, coas que consigue recrear un universo de monstros e fantasía nas cabezas das personaxes.

A compañía. Voadora nace como compañía de teatro en 2007. Os seus traballos de investigación en creación contemporánea caracterízanse por un importante compoñente musical, estético, sorprendente e evocador.

Voadora vén de traballar nun intenso 2012. Como convidados de Guimarâes 2012- Capital Europeia da Cultura, estrearon o espectáculo e proxecto múltiple Joane no pasado xuño dentro do encontro de Teatro Contemporáneo Festivais Gil Vicente. Forman parte dende xuño do Project LLul, un triángulo de co-produción xunto coa asociación Propositário Azul de Lisboa e a compañía Teatro de Cerca de Barcelona, no marco do que se estrea Sots L’ombra d’un bell arbre, que xirará neste ano por EE.UU, Brasil, India e Canadá. Recentemente estrearon como antesala de Waltz a peza de microteatro Happyend no espazo A Regadeira de Adela, en Santiago. Con Tokio3 veñen percorrendo escenarios de Galicia e Portugal dende a súa estrea en xaneiro de 2012.

A maridaxe perfecta: teatro + viño
En colaboración coa Asociación Galega de Viticultura e co restaurante A Sopa, ponse en marcha esta iniciativa con diversas obras, mediante a cal se ofrece unha copa de viño de balde con cada entrada. Presentando a entrada do espectáculo no restaurante A Sopa (rúa Conga, 6) o mesmo día da estrea de Waltz, poderase degustar de forma gratuíta algún dos viños das bodegas da Asociación Galega de Viticultura. Farase esta maridaxe tamén con Luminosa nostalgia, Divina Garbo e O home almofada, e xa se fixera con Tokio3.

13 feb 2013 / 17:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito