Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
a mandala

Volvo con problemas na cabeza

    O título de hoxe é a reflexión que compartiu un colega matemático nun xantar, para valorar se un congreso resultáballe produtivo. Pareceume moi bonita, e permítanme que o explique.

    Un congreso vén sendo unha feira na que intercambiamos ciencia. Tentamos vender as nosas sementes, ou xa os nosos produtos, e ao mesmo tempo compramos outras que poidan brotar nos nosos campos de coñecemento. A feira científica é produtiva se gañamos en coñecementos e para iso temos que levar boa mercadoría, presentala ben e ir coa disposición de escoitar, para volver con referencias de persoas ás que admirar sen regatear, e con outras cepas de ideas para enxertar.

    O meu avó e padriño, Ricardo Vázquez, ao que coñecín pouco xa que faleceu como era nena, era tratante de porcos. Entendo que o avó pecharía os negocios tanto na feira, ao vender a mecadoría, como nas mesas de xantar, onde ademais de tratos tecíanse amizades, primeiro desde o respecto a clientes e tratantes, e pasado o tempo pola confianza na palabra dada e a calidade da mercadoría tratada. Entenderán que sinto un fondo respecto polo mercado, e por iso esténdoo á ciencia.

    A volta da feira é satisfactoria se tanto o peto como na cabeza non veñen baleiros. Con toda a riqueza obtida temos que ser quen de sementar a próxima colleita. O futuro e a riqueza nas Matemáticas están asociados a ter problemas que resolver. Hoxe en día parece que toda a semántica que rodea a "preocupación" ten que estar edulcorada, eu quero reivindicar "problema" sen poses. Como sinónimo de reto, de semente e de traballo futuro para compartir na próxima feira.

    Mentras escribo volvo dun ciclo de feiras científicas coa cabeza chea de problemas, polo que me sinto moi afortunada de ter coincidido, en distintos países con persoas valiosas: estudantes e investigadores noveles e nonaxenarios, que me sementaron problemas coas preguntas formuladas e as respostas compartidas. Parte dos problemas repousarán nos cadernos e nos arquivos nos que tomei nota, parte deles xa foron dando lugar a solucións por ter colegas moi eficientes como Saray, Michael ou Tito.

    Agora toca descansar e ir ás feiras da familia e das amizades, onde afondamos no recoñecemento das persoas coas que compartimos apelidos e afectos e ás que, polos outros problemas, cambiámoslle a priorización e a cantidade de tempo que lles dedicamos. Espero que a "feira das vacacións" fágalles volver coa certeza de ter feito un bo negocio. Por desfacerse do cansazo e da presión do fin de curso. Por ter mercado, ao pagar o prezo de dedicarse tempo para quererse conscientemente, novas experiencias, coñecido novos lugares a redescubierta dos de sempre, e por ter enfiado novas amizades e recosido as de sempre...

    Deséxolles que as maletas volvan cheas de enerxía e de sabedoría para que prioricemos os tempos para facer enxertos nas cepas dos afectos propios e compartidos. Que eses sexan parte dos problemas cos que volvamos na cabeza para resolver no novo curso!

    Profesora de Matemática Aplicada na USC

    20 ago 2019 / 20:58
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito