Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

"Xénese", o rap contundente e en galego de Dios Ke Te Crew

    Crítica, retranca, poesía explícita e ritmos contundentes é o combustíbel que alimenta a máquina musical de Xénese, o novo traballo discográfico de Dios Ke Te Crew (DKTC), que está á venda desde o pasado 10 de abril.

    Editado por DKTC Sons, o propio selo discográfico do grupo, e por Falcatruadas, os dezaseis cortes que integran este traballo, integramente en galego, supoñen un regreso ás orixes, á filosofía da que naceu o hip-hop; unha viaxe na que os catro mc´s deste colectivo retomaron elementos da iconografía cristiá e da xénese bíblica para abordaren unha crítica aceda á relixión católica pero tamén ao propio hip-hop.

    Musicalmente, e fieis aos ditados do hip hop, Dios Ke Te Crew une neste Xénese estilos diversos como o jazz, o rock, o hardcore, o reggae e, especialmente, o funk, que vertebra as liñas mestras deste LP.

    O traballo, autoxestionado polo propio colectivo, gravado e mesturado en Rapapoulo Estudio por Mou e masterizado en Abrigueiro Estudios por Arturo Vaquero, conta coa participación especial do actor Miguel de Lira, que interpreta o papel dun cabo da Garda Civil no corte 9 do disco (o titulado Guateque interruptus).

    Sokram, encargado do deseño e da maquetación do CD, participa, no apartado gráfico e visual canda Ovideo Aldegunde, fotógrafo, Sekone, autor de ilustracións e grafittis e outros integrantes do colectivo como Mou, Kerg, Osiris, Pake, Spen, Gum ou Sont.

    Nado en Ordes en 2003, resultado da fusión de rapeiros, grafitteiros e breakers, o colectivo Dios Ke Te Crew é o nome de referencia do hip-hop galego e en galego.

    25 abr 2006 / 19:42
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito