Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 23 mayo 2022
01:01
h

X. Pastor Rodríguez: "Esta maioría estable garante o benestar en Porto do Son"

“Cando chegamos, a vida municipal era un caos e tivemos que impoñer orde mesmo nos plenos”

Xoán Pastor Rodríguez é alcalde de Porto do Son dende hai un ano, e neste escaso periodo de tempo afianzouse no cargo e impulsou numerosas iniciativas. En breve ten previsto inaugurar o novo local para o seu partido, o PSdeG.

Que se fixo nun ano que levades á fronte do goberno do Son?

Dotar a Porto do Son dunha maioría estable que permitiu aprobar orzamentos e todos os asuntos de interese para o municipio que o PP non era capaz de sacar adiante por falta de maioría e de diálogo. Poñer orde á hora de xustificar subvencións e cumprir os prazos esta-
blecidos con documentación veraz e legal. Reconducimos os investimentos dos plans que estaban paralizados, estando algúns xa realizados e outros en marcha. Esta maioría estable amosa un goberno unido no fundamental, que é o benestar dos veciños de Porto do Son.

Que necesidades había ao chegardes ao goberno en 2009?

Case as mesmas que había en 2007, pois o PP non foi capaz de executar a maioría das obras aprobadas anteriormente. A vida municipal era un caos, houbo que impoñer orde mesmo nos plenos, cousa que é difícil de conseguir, pero que unha maioría estable como a que temos dálles seguridade aos veciños de que se aprobarán as cousas que realmente lles importan. O concello estaba moi paralizado e houbo que poñerse a traballar rapidamente, dando solucións ás demandas veciñais. Fixéronse por parte do PP obras en malas condicións, como é o caso dos contedores soterrados de Caamaño, aos que logo non pode acceder o camión de recolleita de lixo, ou poñer farolas sen cableado, só para inaugurar e figurar. Permitiron a perda da obra máis importante para o Son, a Remodelación da Fachada Marítima. Nós esperamos ir facendo o máis apropiado para o Son, cousa que xa demostramos nas obras xa realizadas. Había tamén unha gran carencia de atención personalizada aos veciños, que agora se conseguiu, pois o alcalde e os conce-lleiros están á disposición de todos para as necesidades que teñan.
A fachada marítima foi unha infraestrutura perdida.

Que opinión lle merece a actitude do goberno anterior?

Foi un erro gravísimo do PP eliminar este grande investimento que respondía a un plan razoable que decidiron suspender. Era o mellor investimento de toda a lexislatura en Porto do Son e a inepcia do goberno anterior fixo que se perdera. Agora intentan disimulalo facendo propostas que xa saben que non van ir adiante. O peor que lle puido pasar ao Son dende hai moitos anos.

As obras pequenas son frecuentes na vila e non locen igual que as grandes, pero son fundamentais para o goberno? Supoñen moito traballo?

Por suposto, xa que unha obra de 1.000 € leva case o mesmo traballo burocrático que unha de 1 millón de euros. Pero o traballo de horas en persoal, e dos propios políticos atendendo os veciños, achegando solucións económicas, coordinándoas e controlándoas, é moi superior. Son fundamentais porque solucionan os problemas do día a días dos veciños e a miúdo as que lles son máis urxentes.

Nas parroquias, cales foron os investimentos máis destacables e cales son os que se farán?

Reparar as humidades na Casa de Cultura de Caamaño, que parecía un cesto por falla de mantemento. Continuar coas beirarrúas ao longo da estrada AC-550 en Queiruga e Caamaño, a aluminación de Abuín ata as Insuas, en Baroña. O arranxo dos parques infantís e das pistas polideportivas municipais. E acabamos de aprobar o Abastecemento de Augas a Miñortos cunha inversión de 800.000 euros, que tamén estaba paralizada. Arranxamos pistas polideportivas en Miñortos, Portosín, Nebra, Caamaño e San Pedro de Muro. Asfaltáronse pistas en Goiáns, Nebra, Noal, Baroña, Queiruga, Ribasiera e Xuño, entre outras. Arranxamos tamén os merendeiros e temos xa adxudicados para facer en breve traballos como a aluminación das Insuas en Baroña á costa de Mañufes en Queiruga e está en obras xa o punto biosaudable do Outón en Xuño. Hai outras moitas obras en proxecto ou en execución que se irán vendo nos próximos meses.

Como se sente un como alcalde do seu pobo?

Esperaba moito traballo e así é en realidade, pero é o meu deber realizalo e fágoo con satisfacción por servir aos veciños. A vida municipal absorbe moita vida persoal, pero a ningún de nós nos obrigaron a participar nela e, polo tanto, debemos traballar con ánimo e sen queixa. Debo dicir tamén, pero xa a nivel político, que topei un concello moito máis paralizado do que parecía aínda, non obstante, pouco a pouco as cousas foron indo ao seu sitio e agora síntome máis cómodo que ao principio.

Están colaborando adecuadamente as administracións autonómica e central con Porto do Son?

Estou preocupado como alcalde pola falta de respecto institucional do goberno da Xunta cara aos veciños do Son, pois a miúdo non responden ás nosas solicitudes de entrevista, ou negan obras como os abastecementos de augas a San Pedro de Muro, Xuño, Caamaño e Baroña, aducindo falta de cartos. Cartos que gasta o PP en obras ás que nunca se lle ve fin como o caso de Gaiás, mentres que se reducen servizos básicos dos cidadáns. Penso que o goberno bipartito foi máis xeneroso co PP do Son do que o actual goberno da Xunta o é co noso municipio, quizais porque confunden goberno con partido. A pena foi que o PP, cando ocupou a Alcaldía perdese investimentos importantes, prométese un gran Polígono Industrial de 300.000 m2 e que agora quede reducido a 50.000 m2, claramente insuficientes para o Son e que non cobren as necesidades industriais do municipio. Esta obra é básica para a economía do Son e para que non sigamos perdendo poboación, como si ocorreu co PP, pois despois de moitos anos baixamos de 10.000 habitantes. Do goberno central lográronse algunhas axudas importantes como a conseguida grazas ao acordo entre o PSOE e o BNG en Madrid para que viñese unha subvención para o Museo do Mar e Etnográfico, pero ademais conseguimos xa outra axuda para o mesmo obxectivo nos presupostos do Estado de 2011. Engado que espero a mediación do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño para solucionar o problema da planta de compostaxe da Mancomunidade "Serra do Barbanza", para o que o alcalde de Noia e o do Son se desprazaron a Madrid, obtendo o apoio das autoridades de que farían o posible por solucionar o problema.
Que proxectos sairían adiante con maior rapidez se as administracións colaborasen sen ter en conta a cor política?

A remodelación da Fachada Marítima, o Plan Especial de Protección do Castro de Baroña, a Depuradora de Queiruga e Baroña, a variante de Portosín e outras que xa citei como os abastecementos de augas e Parque Empresarial, entre outras. Neste sentido foron modélicos os dous PLAN E que chegaron a todos os concellos fosen gobernados polo partido que fose, e malia as críticas do PP, os seus alcaldes acolléronse a estes plans. Desgraciadamente no Son o PP xestionou moi mal o Plan E, facendo sobre todo obras para a galería e mesmo xestionándoas pesimamente.

Deu tempo a facer moitas cousas polo Son en once meses?

Xa mencionei moitas, pero gustaríame destacar a piscina municipal, o Museo do Mar e Etnográfico, o proxecto xa aprobado da casa da cultura de Xuño, o traslado da oficina de Correos do edificio da Casa do Concello, que redundará en beneficio tanto do servizo postal como dos servizos municipais, que contarán con maior amplitude e permitirá un mellor servizo aos cidadáns. Negociouse coa Dirección Xeral de Costas novos investimentos para o noso Concello, sen esquecer as obras feitas co Plan E (FEIL), un bo plan para os municipios que nos permitiu obras importantes como o arranxos dos parques infantís de Portosín e Porto do Son, a rexeneración do solar diante da casa da cultura, a ampliación das beirarrúas de Queiruga e Caamaño, o edificio para viveiro de empresas e crear a rede Wimax para todo o concello, que permite un grande avance tecnolóxico e nos vai colocar á vangarda das novas tecnoloxías.

15 nov 2010 / 01:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito