Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xa no Gaiás o 'Códice Calixtino' e o 'Cancioneiro da Biblioteca Vaticana'

Forman parte xunto co 'Liber Sancti Iacobi' da exposición 'Galicia, un relato no mundo', que ata o próximo 12 de abril poderá visitarse na Cidade da Cultura

A instalación en sala das dúas pezas cedidas pola Biblioteca Vaticana para a súa exhibición en Galicia, un relato no mundo: un exemplar do Liber Sancti Iacobi (Códice Calixtino) e o Cancioneiro da Vaticana -peza imprescindible da lírica galego portuguesa que se poderá ver en Galicia por vez primeira-, tivo lugar onte nun acto na Cidade da Cultura ao que asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Ambos manuscritos ocupan xa as súas vitrinas no Museo Centro Gaiás, á espera de que hoxe se inaugure oficialmente a que será a primeira mostra internacional da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, que se poderá visitar de balde entre mañá e o 12 de abril.

Na recepción estiveron tamén o vicechanceler secretario do Arcebispado de Santiago, Manuel Jesús Formoso Fernández; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e o comisario da mostra, Manuel Gago; ademais do persoal técnico do Gaiás.

Son algunhas das últimas pezas que estaba previsto instalar ao longo da xornada no Museo Gaiás e que completan un percorrido expositivo que conforma "unha das maiores mostras internacionais en termos de recuperación de pezas clave da nosa identidade cultural, espalladas en diferentes lugar do mundo", explicou o conselleiro.

"A exposición reflicte a necesidade de preservar e divulgar a nosa historia e memoria, de tal xeito que as xeracións novas e futuras sexan conscientes das aportacións de Galicia ao mundo como comunidade", sinalou o titular de Cultura, que resaltou o interese que a mostra esperta na comunidade educativa "e que se reflicte en que máis de tres mil escolares teñen xa reservada a súa quenda para vir coñecer a mostra co programa de visitas didácticas da Cidade da Cultura".

Xunto a estas dúas pezas, ocupou o seu lugar na sala de exposicións outro exemplar do Códice Calixtino, neste caso procedente da Biblioteca General Histórica da Universidade de Salamanca. Os Liber Sancti Iacobi do Vaticano e de Salamanca son dous dos tres únicos calixtinos iluminados que se conservan no mundo -ademais do orixinal da Catedral de Santiago-, o que permite observar detalles gráficos perdidos no códice compostelán, como é o rostro do emperador Carlomagno. Coa exhibición destes dous calixtinos no Gaiás, a capital galega reunirá durante seis meses tres exemplares desta xoia medieval.

Román Rodríguez resaltou o "enorme valor patrimonial e simbólico" das pezas que conforman Galicia, un relato no mundo e quixo ademais agradecer á Biblioteca Vaticana e á Universidade de Salamanca a súa "confianza para a cesión de tres dos seus tesouros bibliográficos para permitir que, ao igual que co Pergamiño Vindel en 2017 ou A derradeira leición do mestre en 2018, moitos galegos teñan a oportunidade única de contemplar algunhas das pezas máis senlleiras da nosa cultura", rematou o conselleiro.

O Códice Calixtino foi escrito para conectar Compostela co resto de Europa, creando a lenda da aparición en soños do Apóstolo Santiago a Carlomagno, relato que vinculaba o santuario coa figura máis prestixiosa de Occidente.

A mostra reunirá numerosas obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo.

13 nov 2019 / 20:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito