Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
"TEMOS DEREITO A UN FUTURO DISTINTO"

Xavier Vence prevé a ruptura da UE e cre que a dereita quere retirar a muller do mercado laboral

Nun libro de conversas escrito por Xan Carballa, o líder do BNG fala do papel de figuras como Beiras na evolución do nacionalismo galego e analiza o "fracaso do modelo institucional e territorial español" implantado desde o 'café para todos' // "Fronte ao aumento do centralismo a saída responsábel é o soberanismo" // "Será difícil que o galego sobreviva sen institucións que o defendan" // Ve moi negro o futuro do proxecto de Europa

"A miña idea é que, ou se reforma moito o modelo europeo, a súa arquitectura institucional, o papel do Banco Central, ordéase doutro xeito a regulación e as políticas de competencia, e dáselle outro papel ás políticas industrial e agraria para manter un mínimo tecido produtivo en toda Europa ou cómpre mudar. Ou a UE transita cara a esa situación, e non se enxerga no horizonte que haxa forzas que tiren por aí, ou moi posíbelmente colapse o espazo europeo. Pódese producir unha ruptura, promovida ben polos que están quedando atrás ou polos ricos que non queren compartir riqueza cun espazo arruinado e deciden desmontar a Unión". Son palabras extraídas do libro 'Temos dereiro a un futuro distinto. Xavier Vence. Conversas' (Engaiolarte Edicións), resultado das entrevistas que lle fixo Xan Carballa e nas que o líder actual do Bloque Nacionalista Galego rememora parte da súa vida, analiza a evolución da política galega desde a dictadura e explica unha boa morea das súas ideas.

Desde a súa infancia, rememora compañeiros e loitas que foron habilitando espazos nacionalistas e de esquerdas. Persoeiros como Piñeiro ou Valentín Paz Andrade ou outros en activo agora mesmo, como Xosé Manuel Beiras, Emilio Pérez Touriño, Ceferino Díaz ou Ignacio Fernández Laxe, que desde lugares emblemáticos como a Facultade de Economía de Santiago contribuíron a escribir o proceso político de Galicia. Agora mesmo, Xavier Vence ten moi presente a febre centralista en España. Básicamente: "fronte ao aumento do centralismo a saída responsábel é o soberanismo", e insiste na alternativa desde a unidade.

Explora este libro de conversas aspectos moi diversos vistos desde a óptica dun líder político que considera que a xente o ve máis como un economista, profesor de universidade, que como político. O idioma, por exemplo: o futuro do galego. Pois tamén escuro: "Será difícil que o galego sobreviva sen institucións que o defendan". Sobre o papel das mulleres, o líder nacionalista alerta dunha ameaza moi concreta: "O proxecto da dereita de devolver a muller ao seu papel tradicional, tanto no que se refire ao fogar como aos seus dereitos reprodutivos, está vinculado ao convencemento que teñen de que a sociedade á que eles nos queren levar vai ter moi difícil integrar produtivamente a poboación. Intentan retirar unha parte dese mercado pola vía de devolver as mulleres ao fogar e á maternidade."

O líder do BNG fai diagnósticos e propón alternativas, políticas e económicas, transmite ideas e ten no seu horizonte o futuro do país. Vai explorando o nacionalismo contemporáneo, a realidade municipal e, por suposto, a crise.

Xavier Vence está agora mesmo inmerso e entregado á campaña electoral do Europarlamento, por iso cobra actualidade a súa visión do proceso de Europa, xa comentada ao inicio desta crónica. Abundando un pouco nisto, e segundo lle explicou a Xan Carballa, Vence cre que para que o proxecto de Europa non revente teñen que producirse cambios que el non albisca, que non ve probables. Segundo a súa percepción, os países deberían recuperar a súa capacidade para iniciar políticas industriais, agrarias, de promoción económica e gasto público, pero iso supón frear ou retrotraer a integración; por outra parte, os poderes actuais (Alemaña), danlles competencias ao Banco Central e a Comisión Europea; finalmente, iso xera unha Europa insoportable na que as decisións se toman por instancias non democráticas.

15 may 2014 / 20:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito