Xelís de Toro lerá mañá en Santiago textos da súa nova achega literaria
Acompañado ao piano por Andrés Castro, o recital celebrarase na Academia Berenguela
Hai pouco máis dun ano, Xelís de Toro triunfaba nos escenarios teatrais, en Brighton, con Before I Sleep, unha singular e contemporánea revisión d'O xardín das cerdeiras, de Anton Chekov. Daquela, verán de 2010, a representación da compañía Dreamthinkspeak, da que fai parte o creador compostelán, fora eloxiosamente reseñada na prensa británica. Xelís de Toro dáballe vida a un mordomo con saudade dos seus amos, que, durante toda a función, falaba galego.
O galego e inglés volven convivir agora na nova achega literaria deste embaixador das letras galegas no Reino Unido. Trátase do volume O libro das pontes invisibles/The book of invisible bridges, que publicará en 2012 a editoral británica Pighog Press. "O libro sairá en maio ou xuño, en versión bilingüe galego-inglés, e recolle uns trinta textos meus, máis da metade textos poéticos". Un avance dese traballo chegará mañá a Santiago a xeito de actuación poético-musical. Será na Academia Berenguela (na praciña de Feixóo/Preguntoiro) ás 20 horas. Xelís de Toro lerá os seus textos, co acompañamento musical do pianista noiés Andrés Castro. A entrada é de balde.
"O libro sairá en maio ou xuño en versión bilingüe galego-inglés..."