Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ arco iris }

Xenofobia e hipocrisía

    ASÍ andamos dende os tempos de Sabela e Fernando. Tan puros que expulsaron de España a xudeos, mouros e xitanos. Hai tempo que os branquiños europeos somos algo racistas. Non hai moito que algúns pais de escolares se opoñían a que os nenos xitanos fosen ó mesmo colexio dos seus fillos. Comprobei que esa exclusión é cousa dos adultos pois é frecuente ver xuntos e levándose ben, entre eles, e cos galegos a nenos e nenas etíopes, senegaleses, guatemaltecos,caboverdianos, mulatos do Caribe... Esa integración armónica vina en diversos centros de estudos e de modo especial en Burela.

    O disperso pobo xitano, ou romaní, arribou a Europa, dende a India, no século XV. En España hai hoxe uns 600 mil. Manteñen as súas crenzas, a súa música, a súa lingua.

    Chéganme algúns datos a través dun amigo mexicano: En 1496, os xitanos de Alemaña eran declarados traidores ó cristianismo, bruxos, espías, portadores da peste. En Praga, en 1710, disponse que os xitanos adultos sexan aforcados e as mulleres e os nenos mutilados.

    Durante a Segunda Guerra Mundial, medio millón de xitanos morreron nos campos de concentración.

    Himmler, xefe das SS, creou un centro para someter ás mulleres xitanas a experimentos médicos, antes de asasinalas. En Dusseldorf esterilizaban a toda muller que estivese unida a un xitano. Nos campos de exterminio, ós xitanos só a música lles daba un pouco de consolo. Cóntase que lles aconsellaban ós nenos que cantasen e bailasen.

    Sen ir tan lonxe: hoxe practícase en Francia a deportación masiva de xitanos a Romanía e a Bulgaria. Así o estableceu o goberno de Sarkozy. ¿Xustificación? Disque os expulsan "polo seu carácter criminal", sabendo que son cidadáns tan europeos coma calquera de nós. Debemos reflexionar e despoxarnos do restroballo que poidera quedarnos de racismo.

    Escritor

    14 abr 2012 / 19:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito