Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 04 julio 2022
14:29
h
literatura

Xoán Babarro, novo gañador do Arume de poesía para nenos

O autor ourensán presentou ao certame da Fundación Neira Vilas a obra 'A Princesa de Taramundi'

    O premio Arume de poesía infantil que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas ten novo gañador. Xoán Babarro González, autor de recoñecido prestixio na literatura galega, acaba de gañar a quinta edición do certame ca obra titulada A princesa de Taramundi.

    O xurado do galardón destacou a feitura e orixinalidade dos versos, nunha obra moi relacionada coa natureza e co medio xeográfico onde resoa o galego estremeiro, con termos léxicos do galego oriental. O autor emprega no poemario unha métrica e estrofas variadas, "e xoga coas onomatopeas e cos recursos gráficos para facer os poemas máis atractivos", engade o xurado, de cara aos pequenos lectores.

    E nesta edición, dado o nivel dos traballos presentados, dende a Fundación Neira Vilas de Gres, en Vila de Cruces (Pontevedra), decidiuse tamén conceder dúas mencións de honra, que se lles entregarán de forma extraordinaria pola calidade dos seus poemarios ás autoras Rosalía Morlán Viéitez, autora de A coitada lúa; e María Canosa Blanco, pola obra A porta dos soños.

    O premio Arume de poesía está dotado cun galardón de 1.000 euros e coa publicación da obra premiada a cargo de Ediciós do Castro. O acto de entrega, desta volta dos tres premios, terá lugar o vindeiro domingo día 13 decembro na sede da fundación, en Gres, nun acto público que presidirá o escritor Xosé Neira Vilas, e ao que está previsto que acuda tamén o director xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Vila de Cruces, Xesús Otero, como entidades patrocinadoras do certame.

    O xurado desta quinta edición, estivo composto, ademais de polo escritor de Gres, por Valentín García Gómez, Xoán Andrés Fernández Castro e Luis Reimóndez.

    Babarro, nado en Maceda (Ourense) en 1947, forma parte da Real Academia Galega dende o ano 2002. É mestre e lingüista, e despois de varias pezas teatrais, o premio de contos O Facho, no ano 74 abriulle as portas na literatura infantil, onde ten colleitado numerosos éxitos. O autor, que residiu en Asturias, tamén logrou o mes pasado o premio Pura e Dora Vázquez de narrativa.

     

    O DATO

    Tamén teatro

    ·· Dende a Fundación Neira Vilas tamén se vén potenciando dende hai anos a literatura para os cativos con outro certame, o premio Estornela, neste caso adicado ao xénero teatral .

    26 nov 2009 / 23:03
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito