Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
este xoves

O xornalista Xosé Manuel Pereiro presenta en Santiago o libro 'Prestige, tal como foi, tal como fomos'

Narra a crónica dese desastre, do que aconteceu "desde a traxicomedia da xestión do desastre, ata os delirios de grandeza das solucións políticas ante a inminente catástrofe"

O xornalista Xosé Manuel Pereiro fará unha presentación do seu libro 'Prestige. Tal como foi, tal como fomos' este xoves, día 15, ás 19:30 horas no restaurante Dezaseis da compostelá rúa de San Pedro. Estará acompañado de Xosé Hermida e Miguel de Lira.

En novembro de 2002 a sociedade galega sofre unha devastadora catástrofe que provoca, en palabras do autor, un "cambio de mentalidade, un trastorno social transitorio" dos galegos. A ausencia de Estado diante do afundimento do Prestige cóbrese cunha marea branca de voluntarios que limparon as costas galegas de chapapote e de indolencia política.

'Prestige, tal como foi, tal como fomos', segundo título da colección xornalistas, narra a crónica dese desastre, do que aconteceu desde a traxicomedia da xestión do desastre, ata os delirios de grandeza das solucións políticas ante a inminente catástrofe.

É o relato daqueles días, da galería de personaxes e protagonistas da traxedia, e de como nos comportamos como sociedade diante do desastre. Mudaron algo as cousas 10 anos despois? Xulguen vostedes. Mais o que si quedou claro é o desexo doutra Galicia posible. A sociedade simplemente agarda que os representantes políticos sintonicen a súa frecuencia. En 'Prestige. Tal como foi, tal como fomos', Xosé Manuel Pereiro retrata o acontecido desque o Prestige entrou nas nosas vidas ata que emporcou as nosas costas, nunha emocionante reportaxe na que o lector recoñecerá o seu habitual humor e enxeño. Unha mirada indispensable para entender por que a sociedade galega segue a berrarlle ao mundo "Nunca Máis!".

En palabras do autor:

"Este é o país que hai. O Prestige foi unha traxedia, pero deunos unha das poucas oportunidades que aproveitamos para demostrar que podemos ter dignidade. Que se queremos, ou se cadra, podemos ser algo máis e mellor do que somos.

A meirande marea negra da historia de Galicia provocou un cambio de mentalidade. Un trastorno social transitorio. Se non foi a máis debeuse a que a clase política que debería facelo seu, non o fixo. As forzas de esquerda por falta de ambición, exceso de conservadorismo ou medo a perder o posto. As de dereitas, polo mesmo, e porque as faccións máis reaccionarias se deron conta de que este anaco de mundo quería coller o temón para mudar un chisco o rumbo, e actuou en consecuencia.

Por esa razón neste libro non descubro as claves de nada, e o editor mentirá se pon iso na contraportada, porque do Prestige todo se sabe, ou sábese o que se pode saber, e o que queda é que se determinen as responsabilidades, na medida en que un xuízo as pode determinar, que neste caso é case nada. O que si intento é facer un retrato daqueles días. Eses retallos da vida que pasan en 20 segundos, pero en longo, e por escrito, que é do que máis ou menos sei."

XOSÉ MANUEL PEREIRO

(Monforte de Lemos, Lugo, 1956). Traballou como xornalista en radio, prensa e televisión nos principais medios de prensa ibérica. Actualmente é colaborador e analista no diario El País, e columnista noutros diarios da Internet. Desde maio de 2008 é decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

13 nov 2012 / 13:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito