Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
OS "NOTABLES" OPINAN

Xosé Cermeño: "Hai decisións disparatadas que quitan recursos de onde fan falta"

Con obxectivo de impulsar un debate cidadán que permita facer unha radiografía certeira dos problemas que padece Compostela e "auscultar" o seu futuro dentro de Galicia e España, EL CORREO leva a cabo unha serie de entrevistas a personaxes influíntes, ós "notables" da cidade. Hoxe responde Xosé Cermeño, compostelano de adopción e "pai" da exitosa telecomedia "Pratos Combinados"

¿Cree que a capital galega ten o peso que merece dentro da comunidad autónoma? ¿Que propostas formularía para conseguir incrementalo? ¿Estima que todo marcha razoablemente ben ou opina que a cidade vive un período de estancamento?  

Creo que Santiago sí ten, en xeral, o peso que lle corresponde dentro de Galicia. O "centro de referencia" do noso país non é nin pode ser único. Santiago é a capital política e institucional. Pero outras cidades actúan como centro e capital doutros sectores de actividade. É evidente que Vigo e a súa área de influencia son o centro industrial e que A Coruña soubo buscar o seu propio e interesante equilibrio entre os servizos, o comercio e a actividade industrial. Galicia é xa (case) unha cidade única, policéntrica e reticular e que este tipo de distribución no territorio axuda á conciencia democrática porque evita as concentracións de poder e de oportunidades económicas nun único núcleo.

Fáltanos sen dúbida a mellora global dos servizos e das infraestruturas, en Santiago e no resto da comunidade . ¿Estamos estancados nese proceso de mellora? É evidente que o ferrocarril, a ordenación urbanística e a modernización do sector primario van moooooi lentas. Outras veces, o problema fundamental non é a lentitude, senon que a xerarquía de obxectivos está mal formulada.

Os desproporcionados investimentos na Cidade da Cultura nun país que necesita cousas básicas como depuración de augas, recollida e tratamento de lixo, calidade no ensino e na sanidade, etcétera é unha mostra das decisións disparatadas que substraen recursos de onde fan falta con urxencia para destinalos a (literalmente) non-se-sabe-qué.

¿Cales son, para vostede, os principais problemas de Santiago? ¿Ten a sensación de que Compostela segue a ser unha aldea grande?

 

Tódolos asuntos apuntados son problemas graves e reais en Santiago. Falta, ademáis (como nas outras cidades de Galicia) visión supramunicipal, estratexias metropolitanas que axuden a planificar máis aló dos límites municipais. O número de concellos de Galicia é hoxe innecesariamente elevado, os territorios de decisión son excesivamente pequenos. Xa non ten sentido buscar o desenvolvemento de municipios concretos, senón de áreas metropolitanas e comarcales. Necesitamos boas infraestruturas e medios de transporte e sacudirnos a obsesión por ter o solo industrial ou os centros comerciais a toda costa dentro do propio municipio.

¿Nota ceerta apatía na sociedad á hora de impulsar proxectos importantes? ¿Bota de menos a existencia dun lobby forte de presión?

 

Os proxectos importantes nacen impulsados por intereses importantes. Compostela ten empresarios valiosos en case tódolos sectores, pero non ten grandes empresas que encabecen esa presión. O verdadeiro motor da súa economía é a actividade política, académica e institucional. Mesmo o turismo foi ata agora moi dependente da promoción por parte de organismos públicos. Non hai en Santiago un Citroën, nin un Inditex. Por outro lado, hai unha idea de desenvolvemento en volume que as veces entra en contradición co crecemento en calidade. Sobre este desexo de crecemento en calidade (saneamento, ubanismo, sanidade, servizos) non hai apatía: os cidadáns son moi conscientes da súa necesidade. Non hai lobby máis eficaz para influir nos gobernos e nas institucións que o voto dos cidadáns.

¿A Universidade de Santiago recibe o apoio necesario? ¿Estima que a USC debería dar unha viraxe e adaptar os seus estudos ó novo perfil de traballadores que as empresas requiren?

 

Apunto catro conviccións personais. Primera, ningún ciclo da educación e formación recibe todos os recursos necesarios. Segunda, unha certa estabilidade profesional favorece a calidade en tódolos traballos, pero convertir os profesores en funcionarios vitalicios non estimula a excelencia académica. Tercera, a comunicación entre Universidade e empresas parece unha cuestión permanentemente pendente. Y cuarta: a investigación non ten os medios necesarios, nin a coordinación imprescindible entre os distintos departamentos e organismos. E a iniciativa privada arrisca pouco neste sentido.

¿Ten a sensación de que a Universidade de Santiago é unha especie de couto cerrado que vive un pouco de costas á ciudade o pensa que está ben integrada?

 

As grandes institucións acaban sempre demasiado atentas ó seu embigo. Pásalle á Universidade, á Igrexa, ás institucións autonómicas, ós partidos políticos e ós Rolling Stones. En calquera caso, a relación entre a Universidade e a cidade é bastante porosa.

 

¿Cree que o crecemento da cidade se está producindo dunha forma rápida e ordenada? ¿Gústalle o urbanismo que se está a desenvolver nas zonas de expansión?  

O crecemento é bastante ordenado (abonda con comparalo co de Vigo ou Sanxenxo ou Cangas do Morrazo ou Porto do Son), pero iso non quere dicir que o urbanismo sexa de calidade nin que a intervención dos gobernantes sobre os prezos, mediantes os mecanismos lexítimos ó seu alcance, sexa acertada. Algunhas actuacións gustan máis ós arquitectos que os seus moradores e usuarios e seino por experiencia propia. Se pensaramos en termos de áreas metropolitanas, "a fuga ós municipios limítrofes" non sempre sería un problema, senon un recurso máis para a ordenación equilibrada do territorio e o control dos prezos inmobiliarios.

¿Cree que o goberno municipal soubo expoñer e levar a cabo os proxectos necesarios para esta cidade? ¿Recibiu bo trato por parte dos anteriores Gobernos central e autonómico? ¿E por parte dos actuais? ¿Ve factible que se produza un cambio de goberno nas próximas municipais?

 

A saúde dese complicado ser vivo que se chama Santiago de Compostela é razonablemente boa. Todo é mellorable, naturalmente: a actuación do goberno e a da oposición, a achega dos gobernos central e autonómico, a contribución das institucións e a dos cidadáns. Que o PP cambie de candidato é a mellor proba de que non considera dunha gran calidade as súas ideas e iniciativas actuais na oposición. Non serei eu quen o desminta. O novo candidato terá a oportunidade de mellorar o nivel das propostas conservadoras e iso será bo para a democracia municipal.

¿Como valora o proxecto da Cidade da Cultura? ¿Cre que axudará a atraer máis turistas? ¿Que faría vostede se tivese poder para decidir que facer con este proxecto?

 

Son escéptico. Hai un problema que me preocupa: rematar ese tinglado faraónico, dotalo de contidos e soster a súa actividade normal , ainda que se faga con certa dose de acerto, vai detraer enormes cantidades de recursos públicos necesarios para actuacións mais urxentes . Será malo para o (des)equilibrio dos recursos e as dotacións culturais en Galicia. A megalomanía seudocultural non pode sustuir a creacion de bibliotecas nos barrios, a mellora da calidade dos colexios de primaria e institutos, os conservatorios de música, as instalacións para a práctica de deportes?

¿Estima que as liñas de baixo custe axudarán a darlle a Santiago máis protagonismo turístico? ¿Apoia as medidas do Concello para limitar a presenza de bares e tendas de souvenirs no Casco Histórico?

 

As liñas de baixo custo son hoxe un medio para atraer clientes nos mercados turísticos. Limitar os bares e tendas de souvenirs pode favorecer a diversidade do comercio e, polo tanto, o uso residencial do centro histórico . É evidente que un aumento da demanda turística sempre ten algún inconveniente (ruidos, suba de prezos) e que o papel dos gobernantes é manter eses inconvenientes en límites aceptables.

¿Os poderes públicos están actuando correctamente para garantir o descanso dos cidadáns durante as noites ou neste tema reina a pasividade? ¿Aproba a forma de divertirse da mocidade?

 

Os poderes públicos están desconcertados con este asunto. É normal: cando os concelleiros e os policías e os xornalistas tiñan vinte anos, a forma actual do botellón non existía. E agora non saben qué facer: ven que, por un lado, o botellón é unha forma nova e festiva de relación social e por outro, unha fonte de molestias?.

Somos un país demasiado sucio e ruidoso: esto pode verse no botellón, pero tamén nas festas populares, en moitos bares e terrazas, nos acontecementos deportivos, nas obras públicas ? O dereito dos veciños a vivir, a traballar e descansar sen molestias é fundamental, e debe ser respetado polos trouleiros dun botellón, polos fogueteiros das festas patronais , pola megafonía da propaganda electoral , polos siareiros do fútbol ou polos tamborileiros das procesións na Semana Santa.

Aplicar rigor ordenancista nun caso e barra libre para todos os demais é inxusto e pouco educativo. Buscar zonas na cidade nas que estas actividades provoquen menos molestias é unha saída razonable. Polo demais, xa sabemos que a mocidade se cura co paso do tempo.

13 jul 2006 / 00:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito