Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
no gaiás

A Xunta cifra o seguimento de 'Cidade Imaxinaria' en 9.200 personas

Nenos e adultos gozaron do circo, a maxia e o teatro nunha xornada na que se conseguiu duplicar a cifra de asistentes da primeira edición

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o éxito de participación rexistrado no festival Cidade Imaxinaria, que reuniu este sábado na Cidade da Cultura a máis de 9.200 persoas, converténdose no evento máis multitudinario dos celebrados ata o de agora no Gaiás. 

O reconto final, que recolle a grande afluencia rexistrada especialmente a partir da media tarde do sábado, ofrece unha cifra final de 9.203 asistentes a un festival que ofreceu dez horas case ininterrompidas de actuacións cirquenses, xogos e obradoiros para toda a familia. Con estas cifras, Cidade Imaxinaria consolídase como unha das actividades máis exitosas das celebradas no Gaiás, que na súa primeira edición en 2011 xa conseguira reunir a máis de 4.000 persoas. Deste xeito, e duplicando o número de asistentes da edición pasada, apuntálase unha das liñas de programación prioritaria da Cidade da Cultura: o deseño e posta en marcha de eventos pensados para gozar de balde, ao aire libre e en familia. 

Cultura e Educación destaca que a cifra conseguida este sábado supón un récord de asistencia aos eventos celebrados na Cidade da Cultura, seguida pola do concerto que a artista islandesa Björk ofreceu no mes de xuño –e que reuniu no alto do Gaiás a máis de 5.500 persoas- ou o festival de cultura urbana Cidade en movemento, que congregou a máis de 2.400.

Cidade Imaxinaria ofreceu dende as 11:30 horas deste sábado un completo programa relacionado co mundo do circo e as feiras de principios de século, na que non faltaron pallasos, zancudos, equilibristas e un gran elenco formado por un cento artistas de ata 15 compañías diferentes. Grandes e pequenos gozaron co voo do Zeppelin, a troupe de pulgas do Señor Pérez, os trogloditas de Tanxarina, o espectáculo de pompas de xabón a cargo de Pep Bou e ata unha vintena de actividades, nas que non faltaron obradoiros para os máis pequenos, cine para toda a familia e vibrantes espectáculos como o que puxo o broche de ouro a un festival que se consolida na programación cultural do Gaiás.

28 ago 2012 / 12:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito