Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xunta e concellos coordinan as accións contra a couza da pataca

Prohibido plantar nas parroquias larachesas de Lendo e Caión e na carballesa de Noicela // Nas sete limítrofes os agricultores deberán comunicar todas as parcelas cultivadas // Haberá charlas para informar aos veciños

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a resolución da Consellería do Medio Rural pola que as parroquias larachesas de Lendo e Caión e a carballesa de Noicesa pasan a formar parte das zonas declaradas como infestadas pola couza da pataca, logo de detectarse casos de tubérculos afectados en almacéns de autoconsumo, que xa foron destruídos. Nas devanditas parroquias non se poderá plantar pataca e ademais foron declaradas como zonas tampón as de Sorrizo e Monteagudo, do Concello de Arteixo; as de Torás, Cabovilaño e Lemaio, na Laracha, e as de Rebordelos e Vilela en Carballo. Isto implica que os agricultores deberán comunicar, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuníuse onte cos alcaldes dos municipios afectados (Carballo e Laracha) e tamén cos rexedores de Coristanco, Malpica, Ponteceso e Tordoia, como municipios limítrofes, co obxectivo de abordar a situación, coordinar actuacións e concretar as charlas cos veciños para explicarlles o que teñen que facer ao respecto.

Nas tres parroquias infestadas só se poderá adquirir para consumo propio tubérculo de fóra desa zona, embolsado e etiquetado preparado para o consumidor final, xa que o movemento a granel estará prohibido, igual que no resto de concellos demarcados. A maiores, para que o insecto non se estenda, nas zonas tampón para cultivar pataca deberán aplicar un tratamento fitosanitario durante a fase de tuberculinización e antes da colleita. As patacas recollidas non se poderán dedicar a semente mentres a praga non se dea por erradicada.

O movemento de tubérculos deberá realizarse sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla. No caso das comercializadores, para a súa producción aplicaranse outras medidas a maiores, como a instalación de mallas tupidas e de trampas de captura de tecia nos almacéns, así como a necesidade de mover o produto co seu correspondente pasaporte fitosanitario.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural reforzará a rede sistemática de puntos de trampeo para evitar a propagación ás parroquias lindeiras.

Dende a Xunta apelan "á comprensión e á responsabilidade dos veciños e dos produtores" para evitar que o insecto chegue a outras zonas "e agrádecese a súa colaboración á hora de desenvolver as medidas de control e erradicación da couza para procurar a súa contención". O Goberno galeo sinala que a loita contra este organismo de corentena "comprométenos a todos". Sinalan, no obstante, que esta nova situación "non impide que se poidan levantar as prohibicións noutras áreas que estaban afectadas".

{ PASABA POR AQUÍ }

Un problema de todos

ERRADICAR A COUZA da pataca detectada no 2018 en Muxía, e agora na Laracha e Carballo, non será tarefa doada, pero só se poderá conquerir coa colaboración de todos: veciños, agricultores, produtores, técnicos, concellos e Xunta. Só dende a unión e a responsabilidade se poderá recuperar a normalidade e evitar que a praga se estenda a outras zonas. A pataca é un produto que se planta e consume en todos os concellos da Costa da Morte, e no de Coristanco é ademais un dos principais recursos da economía local, polo que non estamos ante un problema menor. Faise pois imprescindible seguir todas as medidas decretadas.

0 PROTAGONISTA

Juan García

Alcalde de Coristanco

"O noso labor ten que ser concienciar"

O alcalde de Coristanco, Juan García, coida que as medidas adoitadas van no bo camiño, "pois nas outras zona infestadas hai unha clara regresión da praga", e ante a aparición destes novos focos, máis próximos ao principal municipio produtor, asegura que "traballaremos na concienciación, a través de charlas, insistindo sobor de todo na importancia de non mover patacas e de utilizar semente certificada". Ademais, o Concello tentará habilitar un punto para xestionar os residuos", e colaborará, xunto cos demais municipios nos controis de feiras e mercados locais para evitar que este foco "que non é moi relevante, se estenda pola zona".

05 dic 2019 / 21:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito