Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ agora xa foi }

En Xuvia con Antón Seoane

    Ven Antón Seoane-Pampín dunha xinea musical e galeguista ben curiosa. E é que seu avó, Antonio, dirixira a rondalla ferrolá "Airiños d´a Miña Terra" e nesta condición foi o primeiro director do mítico coro "Toxos e Froles", fundado igualmente en Ferrol (en 1914). Así que a cousa lle ven de lonxe a un dos membros máis chamativos de "Milladoiro", ese supergrupo que desde que se criara, nos últimos setenta, acadou moi altas cotas en discos e actuacións en directo. En toda Galicia mais tamén en parámetros tan lonxanos como Xapón, Australia ou os Estados Unidos. E ao ver a casa d´O Portazgo de Xuvia, onde nos atopamos despois dunha chea de anos, Antón fala baixiño de estilos arquitectónicos que se miran como nun espello, e de semellanzas entre o estilo desta morada e os da "marina" de Miami.

    E falando destas cousas, e de moitas outras previas á grabación que nos convoca, entramos co señor camarógrafo a un patio con pozo baixo da parra de outono. Trátase de que predique eu da miña relación primeira con Antón, cando Ferrol era para nós como unha laranxa aberta pedindo que a comésemos, e Santiago (e o Colexio Maior San Agustín) o paso inmediato para o futuro. E tiña que referir, na gravación destino Editorial Galaxia, que vai publicar unhas memorias moi documentadas de Antón, acompañadas dun DVD, aqueles anos novos deste craque do piano e da guitarra (daquela, logo virían máis instrumentos) que sabía de memoria The Beatles enteiros, e xa fora oílos en Las Ventas (verán de 1965). Por máis que agora nada lembre, nin conserve a entrada nin o disco artesanal que fixera en 1968 en Londres, cun portorriqueño chamado Gregorio e unha canción asinada por mín ¿Sabes tú, pequeña mía? E é que, daquela, Antón musicaba os meus textos, de maneira que algúns dos temas que eu cantara en Medicina, o 26 de abril de 1968, eran da súa coautoría. Recital presentado por Manolo Pombo, con afouteza sentimental, como entendín anos despois ao revisitar aquilo. Logo pasaran moitas cousas, e o tempo ten branquexado a barba de Antón e o meu bigote, sinal, talvez, de que seguimos enfariñados. Cal o outro día en Xuvia, non lonxe da casa "Libunca", hoxe hotel, fundada por outro ancestro de Antón Seoane-Pampín Montenegro.

    Escritor e crítico literario

    01 dic 2012 / 19:48
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito