Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{OS OUTROS DíAS}

'Xuvia-Neda'

    ÁS VECES fálolles de libros. Hoxe tamén. O que dixemos onte verbo das comidas, dos sabores que as definen, dos arrecendos que liberan e de cómo, todo elo conxuntado, fai de nós a xentiña que somos, sen remedio, todo elo, é aplicable ós nosos libros. Eles son como son gracias a nós, pero nós somos como somos tamén gracias a eles. ¿Ou é que pensan que sen Cunqueiro ou Valle-Inclán, sen Otero Pedrayo ou Rosalía non seriamos outra xente algo distinta da que somos? Pois non lles caiba a menor dúbida. O nosos escritores nútrense do común imaxinario colectivo, pero este depende de cómo os escritores o reinterpreten ou mesmo axuden a crealo a forza de verdades que, antes de seren consideiradas por eles, permanecían agachadas nos máis íntimos interiores da nosa alma colectiva. Espero que os convencidos da existencia dunha alma individual non nos han negar a existencia destoutra e colectiva que, malia que a moitos lles doa, se manifesta sempre, na historia dos nosos literatos, ben nunha lingua, ben noutra, pois as dúas xa son nosas e, quen pense o contrario, o mesmo está a negar a realidade. En todo caso, alá el. Pois ben, ó regresar de poir aí adiante, din en facer o que lles contei onte, como primeira medida; e máis en botar man dun libro, como segunda. E isto é o que me propoño lles contar agora.

    O libro é Xuvia-Neda, da autoría de Vicente Araguas. Crín que xa lles falara del e resulta que non, que non o fixen, senón que avisei que ía facelo pero incumprín o con tanta alegría afirmado. Non estou moi certo de que isto sexa así exactamente pero, como o libro é moi bo, non vai pasar nada por que o afirmemos de novo. Outra cousa sería se fose malo, xa me entenden e non fará falla que me explique.

    Araguas é dos poucos escritores vivos que escribe dun xeito inconfundible. A isto antes dicíaselle ser dono dun estilo propio e era moi valorado. Agora éo menos. Dende que é a masa, na súa versión mercado, quen dicta os gustos e os estilos a xentiña só ten un e así anda a cousa. Araguas ten o seu e é tan de agradecer como estes textos cheos de ironía e sarcasmo, si, pero tamén de lúcida tenrura; tamén dun lirismo que pode dar fin co ruido dunha banqueta arredada non se sabe se dun couce tremendo ou dunha evidencia ocultada.

    Xuvia-Neda é un libro como aqueles cos que antes se estreaban non poucos escritores galegos e que nesta ocasión serve pra que Araguas nos dea unha lección de sabedoría literaria levándonos a través de sentementos que críamos definitivamente arrumbados no interior de nós mesmos pero que, coa lectura demorada do seu libro, aboian tal cal a idade nolos fora depositando nas nosas instancias e estancias íntimas. Quen xa o limos faremos ben en tornar á súa lectura e quen non lera nunca este Xuvia-Neda editado por Xerais fará moi ben en lelo por primeira vez. Seguro que, á volta duns anos, tamén ha facer ben se o retira do andel da biblioteca pra relelo a modo, tal e como acabo de facer eu, agora mesmo, antes de me poñer a lles escribir a vostedes coa recomendación que xa queda feita.

    Escritor, Premio Nadal

    e Nacional de Literatura

    16 mar 2011 / 20:13
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito