Zumba, teatro e unha mostra nos actos ribeirenses do día sobre a diversidade
Doce entidades sociais serán homenaxeadas o xoves polo traballo que realizan no municipio
O Concello de Ribeira vai conmemorar hoxe o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional cun programa de actos que inclúe zumba, unha exposición e teatro.
Arrancará ás 11.30 horas na praza consistorial (ou, en caso de choiva, na carpa de usos múltiples) ca lectura dun manifesto institucional e logo haberá unha masterclass de zumba con participación de sesenta alumnos da asociación Ambar e doce de A Creba.
Ás 13.00 h inaugurarase no Concello unha mostra de traballos realizados por alumnos de Ambar titulada Con xeito. Diversidade na arte, que poderá verse ata o día 13. Por último, ás 18.00, no auditorio, terá lugar a iniciativa Teatro pola Diversidade, con participación dos grupos dramáticos de Amicos (que representará a función Lío de perros, gatos y ratones) e Ambar (con Martín e os Biosbardos).
Por outra banda, o vindeiro xoves día 5, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado, axentes de doce entidades de carácter social serán recoñecidas no salón de plenos, nun acto que arrancará ó mediodía.
As entidades son: Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira, Departamento de Servizos Sociais Comunitarios, Cáritas, Asociación Española Contra o Cancro, Ambar, Amicos, Agadea, A Creba, Dignidad Ribeira, Renovación e Renacer. Tamén será recoñecido un voluntario por parte destes colectivos.
Ademais, de cinco a sete da tarde, no centro cultural Lustres Rivas, terá lugar o obradoiro vivencial Acércate á túa risa (risoterapia) dirixido a persoas que exercen de voluntarias nalgunha asociación local.