El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

ensaio

O espertar das mulleres

Xerais e a Secretaría Xeral de Igualdade presentan hoxe en Santiago a tradución ao galego de 'O segundo sexo', de Simone de Beauvoir // A obra, publicada no 1949, sentou un dos alicerces do feminismo

M. DOPICO • SANTIAGO   | 11.03.2008 
A- A+

KIKO DELGADO
A escritora Simone de Beauvoir, autora de ‘O segundo sexo’, nunha imaxe tomada no ano 1944 en París
FOTO: KIKO DELGADO

"As mulleres atoparon na miña exposición un abrigo contra os mitos que as esmagaban". A novelista e filósofa francesa Simone de Beauvoir reflexionou deste xeito nun dos seus libros de memorias sobre a achega da súa obra O segundo sexo, un dos piares teóricos sobre os que se ergueu o feminismo.

A publicación, no 1949, deste ensaio desencadeou unha revolución das mentalidades cuxa pegada segue hoxe vixente. O seu primeiro volume vendeu 22.000 exemplares na primeira semana, mentres a súa autora foi obxecto dos insultos máis atroces dunha sociedade á que lle acababan de abanear un dos seus cimentos: o patriarcado.

O segundo sexo foi traducido ao catalán no ano 1988. Grazas á coedición de Xerais e da Vicepresidencia da Xunta, a partir de agora poderemos lelo en galego.

A tradución á nosa lingua deste libro será presentada hoxe ás 18.30 horas no Salón Capela do Hotel AC Palacio del Carmen de Compostela, nun acto que contará coa intervención do director de Xerais, Manuel Bragado; a tradutora, Marga Rodríguez, as filósofas África López e María Xosé Agra, e a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán.

"A muller determínase e diferénciase con relación ao home, e non este en relación a ela; é o non esencial fronte ao esencial. El é o suxeito, el é o absoluto; ela é o Outro", escribiu no primeiro volume de O segundo sexo.

Simone de Beauvoir esporeou a rebelión das mulleres contra o cárcere na que as convencións as mantiñan confinadas. Cuestionou o matrimonio e o rol de nais. Chamounas a reivindicarse como suxeitos, a tomar as rendas das súas vidas.

"Non se nace muller, chega unha a selo". "É preciso que as mulleres neguen os límites da súa situación e tenten abrirse os camiños do porvir. A resignación é unha renuncia e unha fuxida. Para a muller non hai máis saída que traballar pola súa liberación. Esa liberación só podería ser colectiva, e esixe ante todo que se conclúa a emancipación económica da condición feminina", explicou na segunda parte de O segundo sexo.

"Un dos malentendidos que suscitou o meu libro consiste en que se creu que eu negaba toda diferenza entre o home a muller: pola contra, ao escribilo medín o que os separaba; o que sostiven é que as desemellanzas son de orde cultural e non natural. Púxenme a contar sistematicamente como se crean desde a infancia ata a vellez", aclarou en A forza das cousas.

A CLAVE

A filosofía existencialista

A filosofía existencialista foi un dos alicerces sobre os que agromou a creación de Beauvoir en novelas, relatos, libros de viaxes. O ser humano, pensaba, non é esencia inmutable, senón existencia. Chegar a ser suxeito supón trascender a inmanencia .