El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

pensamento

A 'Outra Galiza' de Suso de Toro

O escritor aborda nunha compilación de artigos, publicada por Xerais, a historia galega dos últimos cinco anos // Recoñece que o Bipartito trouxo canda si "unha sensación de liberdade, pero tamén de insatisfacción"

AGN • SANTIAGO   | 01.07.2008 
A- A+

ANTONIO HERNÁNDEZ
O escritor Suso de Toro, onte durante a presentación en Santiago do seu libro ‘Outra Galiza’
FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

Interpretar a historia galega dos últimos cinco anos é o sentir co que naceu Outra Galiza, a última obra do escritor Suso de Toro que se presentou este luns en Compostela. En palabras do propio autor, o libro "inmobiliza" as reflexións xurdidas a raíz do cambio de Goberno do 2005, e que o escritor foi plasmando en artigos publicados no diario El País dende o ano 2006. Nesta liña, Suso de Toro mostrouse tallante ao sinalar que "o principal cambio foi apartar un poder político que semellaba perpetuo, un destino". A chegada á Xunta de PSdeG e BNG trouxo da man "unha sensación de liberdade, pero tamén de insatisfacción" no cidadán de a pé. A xuízo do escritor compostelán, a Administración galega gañou en transparencia, pero mantén "políticas clientelistas moi semellantes ás do PP", un panorama que se torna "insuficiente" dende o punto de vista democrático.

Pero Outra Galiza vai máis atrás no tempo e recolle tamén o "desexo daquel cambio, o combate ideolóxico contra a Galiza de Fraga". E faino a través de colaboracións publicadas no xornal A Nosa Terra entre os anos 2003 e 2004, traballos escritos "coa convicción de que as palabras poden cambiar o estado das cousas". Así se referiu Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, á obra de Suso de Toro. Durante a presentación, Bragado repasou a traxectoria literaria do pai de obras tan coñecidas coma Land Rover -da que se cumpren 20 anos da súa primeira edición-, Trece badaladas ou a recente Home sen nome, publicada na primavera do 2006 até chegar a esta última obra marcada por ­"unha clara intención cívica".

'UN MANIFESTO SEPARATISTA'

"Isto é Galicia, pero eu son de Galiza", sinala

Suso de Toro fixo fincapé nunha segunda intención que emana do seu libro. Pretende "criticar a actitude dos rexeneracionistas, que se complacen na idea que de Galiza é unha vítima histórica". Nesta liña, referiuse a un galeguismo conservador que vindicaba para o país costumes e tradicións propias. "Isto é Galicia, pero eu son de Galiza, fíxenme galeguista co pensamento de Castelao". A xuízo do escritor, 'Galiza' é sinónimo de pensamento político e de sociedade, e contraponse á idea dun territorio "politicamente vencido".

Afeito a colleitar polémica coa defensa das súas opinións, Suso de Toro referiuse ao Manifiesto por la lengua común, promovido por unha vintena de intelectuais en defensa do castelán e que foi presentado o pasado 23 de xuño en Madrid. Esta iniciativa, que pretende ­unha modificación dos estatutos, é para o escritor galego "un manifesto separatista que pretende que esta España plural deixe de ser nosa". Auspiciado polo partido Unión, Progreso y Democracia e polo filósofo Fernando Savater, o texto fala de "discriminación dos castelanfalantes". Sobre esta idea, vencellada á posibilidade de usar a lingua para facer política, Suso de Toro mostrouse tallante. Asegurou o escritor galego que con el a formación de Rosa Díez "recolle a bandeira da dereita extrema enarborada ata agora polo PP", e tildou o manifesto de "españolismo xenófobo" .