El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

prosa

Caneiro: "Camilo José Cela é galego de nación e de alma, noso polo tanto"

O escritor verinés exalta a pertenza do Nobel á cultura de Galicia // Marina Castaño participou onte na presentación de "Retorno a Iria Flavia", editado por Alvarellos

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 21.12.2006 
A- A+

Ramón Escuredo
Alvarellos, esquerda, Marina Castaño, Caneiro e Olivia Rodríguez
FOTO: Ramón Escuredo

"Camilo José Cela é noso, Camilo José Cela é de aquí", foi a dobre e afervoada sentenza do escitor Xosé Carlos Caneiro na presentación, onte, na Fundación Caixa Galicia de Santiago, de Retorno a Iria Flavia. O volume, editado por Alvarellos, recolle cincuenta prosas do Nobel padronés, relacionadas con Galicia e publicadas en prensa desde a década dos corenta até a súa morte. O acto contou coa presenza do editor, Henrique Alvarellos, da doutora en Teoría da Literatura na Universidade da Coruña e responsábel da edición, Olivia Rodríguez, e de Marina Castaño, presidenta da Fundación Cela e viúva do escritor.

"Atraer e recoñecer o que hai de ser galego na pluma universal de Camilo José Cela" foi o principal obxectivo de Alvarellos ao incluír estas prosas na colección Rescate, que xa recolleu os escritos de Cunqueiro, Del Riego, Risco ou Carré Alvarellos, e na que se prepara, para 2007, a irrupción de Ramón Otero Pedrayo.

Precisamente con don Ramón e con Rosalía de Castro vencellou Xosé Carlos Caneiro o "mestre", o "máis excelente dos autores nosos", o "artista", o "eximio, inigualable, inimitable...", un "galego de nación e de alma, noso polo tanto", no que "nunca hai concesións á mediocridade" e que, para o verinés, constitúe o "exemplo máis digno e entregado do que eu considero un literato; o resto, como dicía o príncipe Hamlet, é silencio".

Tan acendida e devota foi a intervención do autor de Ébora que até as palabras de Marina Castaño resultaron tibias na súa glosa do home e do escritor; un perfil no que, como Caneiro, salientou a importancia do vencello de Cela con Galicia e a presenza da paisaxe galega na súa obra, como singularidade literaria e vital. A xeito de conclusión, a mesma idea expresada minutos antes por Xosé Carlos Caneiro: "A obra é o que importa".

O DATO

Varias cartas

O libro abarca sesenta anos de produción literaria e inclúe varias cartas entre Cela e os galeguistas dos cincuenta (Del Riego, Celso Emilio, Otero Pedrayo e Vicente Risco) .