El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

pan e coitelo

As simpatías progresistas con Israel

XOSÉ MANUEL SARILLE  | 06.03.2007 
A- A+

A historia do pobo xudeu conmove a calquera persoa que sinta vertixe diante dos abismos. Non é preciso ter un corazón sensíbel para emocionarse ao saber dos expulsados de España e Portugal, obrigados a malvender os seus bens e esquecer por traidores os países de nacemento, mentres conservaron o fermoso español sefardí até hoxe, durante cincocentos anos, en Fez e Viena, Beirut e Estambul.

Produce verdadeira compaixón a resistencia dos humildísimos criptoxudeus portugueses, que continuaron rezándolle clandestinamente a Iavé até os anos oitenta do século pasado en aldeas de cincocentos habitantes das terras da Guarda, cos ritos diluídos nos do cristianismo, agochando de noite as candeas para que non os visen os veciños, con case todo esquecido, sabendo só que a súa procedencia era herexe e descoñecendo a verdadeira razón, eles mesmos, de que rezasen así, atormentados xeración tras xeración, con medo de que os cristiáns vellos os descubrisen e os matasen. Ate o outro día. Inauguraron a primeira sinagoga hai once anos e volven lentamente ao propio seo. Agora os nenos portan kipas polas ruelas.

Emocionan os chuetas, descendentes dos xudeus conversos de Mallorca, vítimas de quince séculos de racismo, desde as primeiras manifestacións de antisemitismo en Europa. Nalgúns lugares da illa aínda non é cómodo hoxe apelidarse Miró, Fuster, Tarongí ou Bonnìn.

Estarrecen as testemuñas dos pogroms e do holocausto. Inquieta a xudería de Tomar, a de Venecia e as de Turquía. Fascina a complexidade do pasado xudeu, que nos mete en cachoeira no misterio mesmo da humanidade. Einstein, Marx e Freud, Santa Teresa e Fray Luís, Modigliani, Primo Levi, o grande Canetti.

Mais por iso mesmo, un non logra entender cal é a relación que algúns demócratas de esquerdas, algúns militantes do BNG, establecen entre tanta persecución e tanta luz cun estado Israel, que agora segue o modelo social da vella Suráfrica, coa que mantiña excelentes relacións, e que se inspira na Xoá, no exterminio, na redención da morte, na expiación dos pecados, na violenta patoloxía que crea tanto horror pasado, para elaborar as súas leis e principios.