El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

balance

Galicia foi a sexta comunidade en títulos editados durante 2006

Saíron do prelo das editoras galegas 2.444 volumes, moi por detrás de Madrid, Cataluña, Andalucía pero tamén da Comunidade Valenciana e de Castela e León // Os libros en idioma galego sumaron só o 2,1 por cento do total

EFE/AGN • SANTIAGO   | 20.03.2007 
A- A+

Galicia foi en 2006 a sexta Comunidade Autónoma española en canto ao número de títulos de libros publicados, cun total de 2.444, segundo informou onte o Instituto Nacional de Estatística (INE) nun comunicado.

Pola súa banda, Madrid e Cataluña lideraron a produción editorial con 22.629 e 18.384 títulos editados respectivamente durante o pasado exercicio.

A estas dúas comunidades séguenlles Andalucía, onde se publicaron 5.541 títulos; a Comunidade Valenciana, na que se rexistraron 3.696; e Castela e León, con 2.725, mentres que a sétima comunidade en canto a número de títulos foi o País Vasco, con 2.360.

En total, o número de títulos editados en España e entregados no Depósito Legal da Biblioteca Nacional durante o pasado exercicio foi dun total de 66.270, un 4,3 por cento máis do que se rexistrou en 2005.

Distinguindo entre libros e folletos, o número de libros publicados aumentou un 6,7 por cento, situándose en 56.735 títulos, mentres que o de folletos reduciuse un 8,3 por cento, ata alcanzar os 9.535 títulos.

Máis de 255 millóns

Por outra banda, a cifra de exemplares editados no pasado exercicio foi de algo máis de douscentos cincuenta e cinco millóns, o que supuxo unha redución do 9 por cento con respecto ó exercicio anterior.

A tirada media situouse en 3.859 exemplares por título, o que representa un descenso do 12,7 por cento respecto da do exercicio anterior, que sumou un total de 4.422.

En canto ó idioma de publicación, só o 2,1 por cento dos títulos publicáronse en galego, o que contrasta co 78,3 por cento do total, que se editaron en castelán. Polo demais, o 11,7 por cento se publicaron en catalán, mentres que só un 1 por cento saíron á luz en éuscaro. Segundo a clasificación temática da Unesco, o 28,5 por cento dos títulos pertencen á categoría específica de Literatura, historia e crítica literaria; o 6,5 por cento, á de Dereito, administración pública, previsión e asistencia social, seguros; e o 6 por cento á de Ciencias médicas, sanidade.

Así mesmo, un 5,7 por cento dos títulos editados durante o ano pasado correspondéronse cos ámbitos de Artes plásticas e gráficas, fotografía e co de Historia, biografía.

CONSTITUCIÓN

Clúster do Produto Gráfico e do Libro

Hoxe constituirase en Santiago o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego. Ao acto asistirán o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o presidente da Aeagg, Jacobo Bermejo; e os editores Carlos del Pulgar e Chema Díaz .