El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

lecer

O Cultur.gal presenta hoxe un videoxogo de produción 100% galega

Continental Games, en colaboración con Alía 3D, deseñou "E.L.E., Evento Ligado á Extinción" // A Feira das Industrias Culturais celebra a súa terceira xornada

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 12.05.2007 
A- A+

O Cultur.gal, a Feira do Libro e da Industria Cultural de Pontevedra, acollerá hoxe, no seu terceiro día, un evento moi atípico neste tipo de citas promocionais: a presentación dun videoxogo. Trátase de E.L.E, Evento Ligado á Extinción, un produto 100% galego deseñado por Continental Games (a división de videoxogos da produtora coruñesa Continental), en colaboración cos vigueses Alía 3D, que adopta o formato coñecido como First Person Shooter (xogos de acción en primeira persoa, como as sagas Doom ou Half-Life) e chegará ó mercado nos meses vindeiros.

Este videoxogo consiste nunha serie de tres episodios que se están a producir simultaneamente nestes momentos, e que para o seu lanzamento empregará estratexias de superprodución, xa que as tres partes irán lanzándose ao mercado de forma consecutiva. A presentación da primeira demo será hoxe, ás 12.30 horas no expositor do Clúster Audiovisual Galego.

Unha das novidades coas que conta é que a súa estética é de cartoon, rachando co tradicional de­seño realista que adoitan empregar os videoxogos convencionais. Pero o máis salientable é o compoñente cinematográfico da aventura, xa que arrastrará o xogador a unha experiencia audiovisual na que o guión, rexéndose polas regras cinematográficas, busca enganchar cos seus xiros inesperados.

Ao longo de tres episodios poderemos encarnar a K, un individuo que esperta sen memoria tras trinta anos de crioestase nun laboratorio abandonado. Non lembra quen é, non lembra o seu pasado, só sabe que debe chegar á Arca, que se achega o Armageddon, que as cidades están sendo atacadas e que a humanidade periga a mans dun misterioso exército de androides.

MÚSICA

Malvela e Romero

Onte as cantareiras Malvela presentaron o seu terceiro traballo Da miña xanela á túa (PAI Música), e Xosé ­Lois Romero celebrou a publicación en disco da música do espectáculo Engado de NGD .