El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

día das letras

Homenaxe da Academia Galega a María Mariño na serra do Courel

A Real Academia Galega lembra no Courel a singular forza poética dunha autora que foi, segundo Darío Xohán Cabana, "inimitable" // O presidente da RAG, que realizou unha ofrenda floral na tumba da escritora, no cemiterio de Seoane, salientou a súa ruptura coa sintaxe do galego

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 18.05.2007 
A- A+

AGN
O presidente da RAG, Barreiro Fernández, durante a ofrenda floral na tumba de María Mariño, onte
FOTO: AGN

A escola de Seoane do Courel acolleu onte a sesión extraordinaria da Real Academia Galega na que se lle rendeu homenaxe, co gallo do Día das Letras, á poeta María Mariño. Alí abeiráronse unha vintena dos maiores expertos en lingua e literatura galegas, xunto cos conselleiros de Cultura, Ánxela Bugallo, e de Presidencia, José Luis Méndez Romeu así como a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López.

Acompañaron o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, na mesa que presidiu a reunión, os académicos Xosé Luis Axeitos, Manuel González e Salvador García-Bodaño.

Rosario Álvarez, Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana foron os académicos encargados de glosar a figura dunha poeta que, malia ter nacido en Noia, desenvolveu a súa poética durante os vinte anos que pasou na serra luguesa. Alí, no cemiterio de San Xoán de Seoane, onde fica a tumba da escritora, tivo lugar onte unha ofrenda floral e un recital poético.

Pouco despois, Xohán Cabana referíase á "poesía bruta de María Mariño", versos de forza incontíbel que cifrou en dous libros senlleiros, Palabra no tempo e Verba que comenza. Xohán Cabana deslindou, igual que o faría Ferrín, a poesía de Mariño da que escribiu Uxío Novoneyra para desmentir a hipótese de que a escritora poñía pouco máis que a sinatura nas súas creacións. "Quen pense que Uxío puidese escribir isto -en referencia a un dos textos de Mariño- é que non sabe ler", aseverou. Para Xohán Cabana, "Novoneyra é substancialmente claro, María Mariño era substancialmente escura". Por iso, definiu a autora como "irrepetible e inimitable" no panorama literario galego.

Doutra banda, Rosario Álvarez falou da variante dialectal da escritora. "Definitivamente é un galego noiés -resaltou-, en contra do que sosteñen algunhas colegas".

Barreiro pechou a sesión plenaria, evocando a figura dunha muller "pechada no seu recuncho, que pasaría inadvertida se non fose por eses dous libros poderosos, inquietantes". Así, o presidente da RAG remarcou a definición que Novoneyra fixo dela: "dinamiteira do fala", pola súa ruptura coa sintaxe do galego. "A linguaxe convencional non lle servía para expresar un mundo interior vastísimo", dixo.

DENUNCIA

A Mesa pide outra política lingüística

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, reclamoulle onte ao titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que "cambie a política lingüística" que está a desenvolver o Goberno galego ou ben que substitúa no seu cargo á secretaria xeral da Administración autonómica neste campo, Marisol López.

Nunha declaración co gallo do Día das Letras Galegas, Callón esixiu "a posta en funcionamento" da Secretaría xeral posto que se trata "dun departamento adormecido" dentro da Xunta. "De nada serven as declaracións de amor propagandísticas ao galego se despois non se ven feitos que materialicen tanto amor", ironiza Callón.

O máximo responsable da Mesa instou a Touriño a que "faga cumprir" a lexislación lingüística aprobada polo Parlamento, "como é obriga nun estado de dereito". Criticou que "haxa un alcalde que se mofa da Constitución e do Estatuto nos aspectos lingüísticos", en referencia ao alcalde da Coruña, Javier Losada .

EN MADRID

Unha escrita "para indagarse"

A Casa de Galicia e o Ateneo de Madrid celebraron onte o Día das Letras Galegas con senllos actos de homenaxe á poetisa María Mariño, nos que se recitaron os versos desta escritora e analizouse a súa figura e traxectoria.

Na Casa de Galicia, os actores Lino Braxe e Olaia Pazos protagonizaron un concerto poético, baixo o título As cousas que non se atopan, baseado en textos de Mariño -que naceu en Noia en 1907 e faleceu en Parada do Courel en 1967-.

Segundo unha nota de prensa, o "percorrido" dos dous intérpretes a través dos versos desta escritora "está construído desde a sinxeleza, con pouco ruído e moita paixón" para profundar no "íntimo" do universo poético desta autora.

No Ateneo, a escritora María Xosé Queizán analizou a figura de Mariño e mostrou as diferenzas entre esta autora e Rosalía de Castro.

A autora considera que estas dúas literatas "son moi diferentes", xa que "Rosalía de Castro escribe impulsada pola realidade, pola situación desoladora do país e denuncia as inxustizas que padecen as mulleres", mentres que "María Mariño ignora estes aspectos e fala do seu propio labirinto vital".

Para María Xosé Queizán, a poeta de Noia creou "a súa propia natureza" sen caer na literatura "mística ou sentimental" e escribiu "para indagarse" .

A CLAVE

Entrega dos premios Galicia en Euscadi

Os premios Galicia en Euscadi entregáronse onte en Vitoria, na Facultade de Filoloxía e Xeografía e Historia do campus alavés. Na modalidade de lingua galega foi premiado Fiestras, de Haizea Barcenilla García e Arsenio Iglesias Pazos .