El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

pan e coitelo

A nostalxia dos reiseñores

XOSÉ MANUEL SARILLE PROFESOR E ESCRITOR   | 22.05.2007 
A- A+

Nesta primavera asistín a unha despedida fúnebre que me deixou moi desaqueloutrado. Comezou na entrada do hospital e sen saber que facer, acabamos diante do depósito de cadáveres, nunha especie de carril estreito e gris, entre as paredes enormes do complexo sanitario. Cubos de lixo, ambulancias de paso e beirarrúas medio desfeitas configuraban a negra paisaxe da espera. Despois desprazámonos para o lugar da incineración, noutro sanatorio, onde se repetiu a estampa case sen variacións. Ninguén sabía que disposición manter namentres agardabamos. En saudándonos, cada un foise polo seu lado. A xuntanza era como un residuo do vello ritual da morte, que moitos non aceptan, sen solucionar tampouco con novas cerimonias.

Os tanatorios melloran moi pouco esta descrición. Parecen garaxes recebados, que poden adaptarse a múltiples funcións facéndolles unha pequena reforma. Unha penosa racionalidade, un espazo estandarizado en celas que máis parecen trazadas con intención produtiva, que coa idea de soportar as feridas da alma nas derradeiras despedidas.

A morte non forma parte desta sociedade, permanece oculta. O pranto compartido malvive nas vellas tradicións relixiosas, mais a nova espiritualidade, a dos descridos, dos modernos, se a houber (e nada que ver coas purrelas das músicas de novas idades e cousas así) parece que non ten máis expresión que a do careto do garda que hai sempre na porta nos tanatorios.

O rito xa é só unha executiva e tecnificada despedida do despoxo, cos mesmos símbolos e a mesma paisaxe que a deseñada para o hipermercado, a discoteca e o almacén de construción do polígono industrial. O morto interrompe e moléstalle ao colectivo, e se os corazóns se saen do peito pola dor, sinxelamente non teñen para onde ir.

Son motivos abondo, que fan tan necesaria a derradeira arquitectura. E o arquitecto que pensa na morte e debuxa os seus espazos. Os lugares para a despedida e o descanso. Por iso fascina o novo cemiterio de Fisterra, talvez a mellor obra galega da última centuria, con entrada e estreito corredor para o tránsito, con remate abismado e infinito no océano.