El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

pan e coitelo

Himnos

BIEITO IGLESIAS PROFESOR E ESCRITOR   | 07.06.2007 
A- A+

Talvez porque entre os bos poetas abundan máis os elexíacos que os hímnicos, as letras da maioría dos himnos nacionais son ripiosas ou francamente ridículas. Tomemos por exemplo o británico Deus salve a raíña: "Longa vida á nosa nobre raíña, que Deus a volva vitoriosa, feliz e gloriosa". Tales versos quizais sexan apropiados para que o duque de Edimburgo lle faga as beiras á súa esposa Isabel II, pero en labios de emperiquitados cabaleiros ingleses resultan aduladores ás cheas. Nin sequera me parecen moi alá como garatuxa privada; se o duque Filipe de Corfú quixese cortexar á súa real dona, quedaría mellor recitando esta elexía de John Donne, vate londrino de maneiras petrarquistas: "Dá licenza ás miñas mans e déixaas viaxar adiante, atrás, entre, arriba, abaixo. Ei miña América, a miña descuberta terra nova!"

Tamén non semella acaída a seguinte estrofa dos veciños lusitanos: "Herois do mar, nobre pobo, nación valente e inmortal. Ergue hoxe de novo o esplendor de Portugal!" Sobre todo porque (velaí está a Historia trágico-marítima de Bernardo de Brito para testemuñalo) o país irmán é o campión mundial dos naufraxios. A vantaxe d´Os pinos de Pondal radica na súa opacidade, en que ninguén entende unha palabra del sacado os peritos en poesía simbolista.

O anterior vén a conto da proposta de Rajoy de pórlle letra ao himno español, iniciativa apoiada polo señor Moratinos, que se mostra resolvido a cantala "con paixón e emoción, co sentimento de representar a unha gran nación".

As miñas coitas canoras son diferentes das do líder do PP e do Ministro de Negocios Estranxeiros. Preocúpame -nestes días que andamos de homenaxes- o feito de que actualmente parezan impensables os éxitos de Andrés Dobarro de principios dos setenta, cando chegou a encabezar as listas musicais de España cantando en galego. Teño saudade de ti, Andrés, ou se cadra dos catorce anos que eu contaba cando estabas no presenteiro e eras o rei do hit parade.