El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

literatura

A novela "Cardume", de Rexina R. Vega, faise co Premio Xerais

O Vigo industrial e atlántico da II República é protagonista e escenario dunha narración rebordante de memoria e historias familiares // "Minimaladas", de Carlos López Gómez, acadou o Merlín de Literatura Infantil

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 10.06.2007 
A- A+

AGN
Rexina R. Vega, Carlos López Gómez e An Alfaya, os premiados
FOTO: AGN

Cardume, unha narración de Rexina R. Vega sobre o Vigo atlántico e industrial da II República, logrou onte o Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, e que foi resolto onte na Illa de San Simón dentro da festa que cada ano organiza Edicións Xerais para dar a coñecer os seus galardóns literarios.

Na velada resolvéronse tamén os premios Merlín de narracións xuvenís -que correspondeu a Minimaladas, de Carlos López Gómez- e o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura infantil, onde se impuxo a obra Illa Soedade de An Alfaya.

Máis de trescentas persoas reuníronse en San Simón para a festa de Xerais, que este ano estivo presentada por Celia Torres -coordinadora tamén dos premios- e tivo a escritora Teresa Moure como mantedora. A intervención musical veu da man de Xavier Blanco, o gaiteiro de Moaña.

Profesora de Literatura -dou- torouse cunha tese sobre Cunqueiro- e difusora dos escritores galegos en Cataluña durante a súa estadía na Universidade de Barcelona, Rexina R. Vega foi Premio Stendhal pola súa tradución de El secuestro, de Georges Perec, e logra o Xerais coa que é a súa primeira novela.

A autora definía onte o libro galardoado como "un álbum de recordos novelados, un libro feito de memoria e de reescritura de memoria", no que combina "información e invención". Vega pretendeu con este libro "establecer unha autobiografía a través da reconstrución de personaxes aos que só se coñece por medio de relatos familiares".

En Cardume, a escritora presenta unha historia familiar e persoal ambientada na II República, que o xurado valorou pola súa visión "certeira e sen vitimismo. A novela retrata un Vigo industrial e atlántico, simultaneamente cosmopolita e provinciano, que é crisol de personaxes que evolucionan, que se relacionan e que medran, e que, en definitiva, logran subsistir ás miserias dunha cidade de- sacougante.

O xurado resaltou tamén en Cardume a súa "capacidade expresiva" a través "dunha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade estilística". Cardume reivindica, engadiron, a memoria, a insistencia na memoria como conformación da identidade do presente.

Humorista gráfico

Carlos López Gómez, gañador con Minimaladas do Premio Merlín -dotado cun total de 7.500 euros- é un dos integrantes da parella de humoristas gráficos Pinto & Chinto, cun longo historial xa no seu traballo para nenos.

López Gómez é autor, ademais, do poemario Espello sen fondo, que publicou Espiral Maior no ano 2000.

Minimaladas recolle oitenta e catro minihistorias protagonizadas por animais, nas que destaca, segundo o xurado, a súa orixinalidade e imaxinación. Destes textos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) o xurado tamén salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.

PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA

An Alfaya e a "Illa Soedade"

An Alfaya, unha das máis persoais voces da literatura galega última, fíxose co Premio Fundación Caixa Galicia -dotado con 7.500 euros- con Illa soedade, a historia de Lucía, que realiza unha viaxe en tren cando vai iniciar os estudos de xornalismo coa compaña de Soa, unha esmoleira á que coñeceu cando pretendía deter unha vaga de insolidariedade cos indixentes que se produce no seu barrio.

A obra, apunta o xurado, retrata a indixencia afastándose de tópicos e concedéndolles voz a persoas que teñen o seu propio espazo nunha sociedade que habitualmente as silencia. Cada unha delas é unha illa chea de historias nas que raras veces somos quen de in- troducirnos".

A entrega dos premios Xerais, Merlín e Fundación Caixa Galicia realizouse no serán de onte nun acto literario musical celebrado no edificio multiusos da Illa de San Simón, que foi seguido dunha cea ao aire libre nos xardíns .









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...