El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

musicoloxía

O "Cancionero Gallego" de Bal y Gay reeditarase en Vigo a semana que vén

O catedrático da USC Carlos Villanueva, que firmou o prólogo da obra, salienta o carácter "rexeneracionista " do compositor // Subliña do autor lugués a súa "ruptura co folclorismo", na que foi pioneiro

V. OLIVEIRA • SANTIAGO   | 13.09.2007 
A- A+

A reedición do facsímil do Cancionero Gallego -publicado polo compositor lugués Jesús Bal y Gay por primeira vez en 1973- sairá do prelo a vindeira semana en Vigo.

O autor do prólogo desta obra, Carlos Villanueva, ofreceu onte unha conferencia sobre o rexeneracionismo deste musicólogo, crítico e mestre galego, durante a sesión inaugural do curso que dirixe, que leva por título Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906).

Alí, Villanueva destacou que, durante a I República, o compositor Bal y Gay "predicou o achegamento á música de vangarda e a ruptura co folclorismo" aínda que as súas palabras caeron en saco roto co estalido da Guerra Civil en 1936.

Porén, antes da contenda, o musicólogo lugués comezara, xunto co asturiano Eduardo Martínez Torner, a elaborar "o primeiro cancioneiro galego recollido no rural", que finalmente non viu a luz até 1973. Grazas a unha bolsa concedida pola Comisión de Estudos de Galicia en 1928, Martínez Torner e Bal y Gay dedicáronse durante cinco anos ós traballos de recompilación de pezas da tradición que transcribían coa súa música correspondente. O proxecto comezou a desdebuxarse ao "xurdir diferenzas" entre ambos, segundo Villanueva. Cando en 1932 remataron o traballo e se reuniron no Centro de Estudos Históricos, dirixido por Ramón Menéndez Pidal, este encargoulle definitivamente o Cancionero Gallego a Torner, mentres que Bal y Gay se orientou a estudos históricos.

No 36, Torner marchou a Valencia con case 2.000 pezas do Cancionero, fuxindo da Guerra Civil, e logo foi de Barcelona a Francia e de alí a Londres, onde se perdeu o rastro dese material.

OS DATOS

Rexeneracionismo No prólogo do facsímil desta obra, Villanueva pon en valor o carácter renovador do compositor lugués. "Bal y Gay é un rexeneracionista natural, cun forte compromiso social", afirma. Ese carácter reflíctese na forma que tiña de investigar a historia da música galega.

Legado O legado do compositor foi doado á Residencia de Estudiantes, que Bal y Gay impulsou na posguerra .