El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

Homenaxe ao poeta Bernardino Graña desde o xoves no Morrazo

AGN   | 25.09.2007 
A- A+

O escritor Bernardino Graña recibirá unha homenaxe o xoves, venres e sábado no Auditorio Municipal de Cangas (Pontevedra) co gallo do seu 75 aniversario. Os festexos, organizados pola Asociación Cultural A Cepa, arrancarán o vindeiro xoves cunha cea co propio autor nun restaurante da localidade de Moaña.

O venres terá lugar o concerto Voces para Bernardino, a partir das 20.30 horas, no Auditorio Municipal de Cangas. O recital correrá a cargo da Coral Polifónica de Bueu, a Coral Lestonnac de Cangas, o coro músico- vocal Mornura, Tucho Perete e o Coro San José, así como da coral Queixumes do Hío. Presentan o acto Elvira Riveiro e Heitor Mera.

Por último, o sábado ás 11 horas actuará a compañía de teatro Seisdedos, que estreará a obra O Galo Kiriko e os seus amigos, sobre contos infantís recreados polo autor, baixo a dirección de Anxo García e a música de Carlos Quintá.

Pechará a homenaxe un recital poético e un concerto que terá lugar ás 20.30 horas e no que participarán o grupo Tromentelo, Na Virada, Tino Baz, A Quenlla, Mini e Mero, Pablo Costas, César Morán, Miro Casabella e Xavier Blanco. Ao acto de homnenaxe ao poeta do mar asistirán outros poetas, escritores, amigos, compañeiros e veciños de Graña, que recitarán os seus versos .