El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

promoción

O libro galego viaxa polo mundo

A industria editorial de Galicia reforza a súa presenza nas feiras internacionais, entre elas a de Uruguai e da Habana, onde a literatura galega será protagonista // A web readgalicia.com promovorá a venda de dereitos de case duascentas obras actuais das nosas letras

ANXA CORREA-AGN • SANTIAGO  | 02.10.2007 
A- A+

O sector editorial galego reforza a súa presenza nas feiras internacionais co apoio da Consellería de Cultura co obxectivo de abrir novos mercados. Galicia contará con stand propio e marca propia para a promoción da súa produción editorial en todo o mundo, segundo anunciou onte, en rolda de prensa, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

Deste xeito, o libro galego quenta motores para o que será unha oportunidade para a promoción da cultura galega no ámbito latinoamericano: a asistencia como país convidado á Feira do Libro da Habana.

Acompañada polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e polo presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Alfonso García Sanmartín, a responsable de Cultura presentou onte en Santiago o calendario das sete vindeiras citas da Consellería en feiras internacionais para apoiar o sector.

Dende o xoves pasado e ata o 10 de outubro, o libro galego preséntase por primeira vez en Montevideo; do 3 ao 5 de outubro no Liber, de Barcelona; do 10 ao 14 de outubro en Frankfurt, e do 24 de novembro ao 2 de decembro en Guadalajara (México). Xa no 2008, asistirá á Habana, Boloña e Bos Aires, e enviará unha delegación a Londres e á Bienal do Livro de Brasil.

Por todos estes países, Cultura levará unha imaxe de "fecundidade" do panorama editorial galego, representada cun dente de león e unha cor verde predominante, e organizará actividades paralelas como presentacións de libros e actuacións musicais para brindar "un coñecemento máis amplo da nosa cultura", dixo Bugallo.

Entre outras accións, desenvólvese un catálogo online da produción editorial galega máis recente, con fragmentos traducidos ao inglés, e a edición bilingüe en galego e alemán dunha escolma de poesía galega.

Cultura salienta a presenza na Habana como país convidado e en México, onde Galicia contará por primeira vez cun stand propio, e para a que xa confirmaron a asistencia 10 editoras galegas. Asemade, a revista mexicana Reverso dedicará un especial aos poetas galegos actuais.

Para o presidente da AGE, trátase dun avance "cualitativa e cuantitativamente importantísimo". Ata o de agora, explicou, un grupo de editoriais, conformado por Kalandraka, OQO e Nova Galicia, teñen na asistencia a mercados internacionais un "instrumento fundamental" para coñecer as liñas do sector e darlle saída a súa produción. "Suspiramos por que se incrementen as editoras con stand propio en feiras porque sería un síntoma de normalización empresarial e de que os apoios frutifican", engadiu García Sanmartín.

Así, a partir do mércores, a Feira Liber, de Barcelona, recibirá estas tres editoras con sitio propio e un stand da Consellería de Cultura no que se reunirá unha mostra dos traballos de 14 editoriais galegas.

Outras iniciativas

Entre outras accións, presentarase en Frankfurt un catálogo online de dereitos de libros galegos (www.readgalicia.com), con fragmentos traducidos ao inglés e fichas de case 200 obras de referencia seleccionadas polas propias empresas e editadas nos últimos cinco anos.

Na cita alemá presentará tamén unha escolma de poesía galega editada baixo o título 20 Gedichte aus Galicien, en alemán e galego. Inclúe textos de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, María Mariño, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo, Xosé Luís Méndez Ferrín e Yolanda Castaño, entre outros.

"O GRAN LIBRO DOS RETRATOS DE ANIMAIS"

Premio Nacional á editora OQO

A editora pontevedresa OQO recibirá o mércores de mans do ministro de Cultura, César Antonio Molina, o primeiro premio ao Libro Mellor Editado, na categoría de Literatura Infantil por O gran libro dos retratos de animais.

A entrega do premio, resolto o mes de abril en Madrid, desenvolverase no marco da Feira Profesional do Libro Liber de Barcelona e recoñecerá a calidade da edición da obra.

Escrito e ilustrado por Svejetlan Junakovic, o libro inaugurou a colección OQART de arte para nenos. O volume, que conta xa con edicións en galego, castelán e portugués, coñecerá a súa versión ao inglés e ao francés nas vindeiras semanas, segundo informou onte a editora nun comunicado .