El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

I SEMINARIO DE PLANIFICACIÓN

López pide un BOE multilingüe publicado "de forma simultánea"

A secretaria xeral de Política Lingüística defende o fomento do galego no ámbito xudicial // Avogou pola modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial no referido ao uso da lingua por parte dos xuíces

E.P./AGN • SANTIAGO   | 05.12.2007 
A- A+

A secretaria de Política Lingüística, Marisol López, avogou onte por que as normas que recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE) se publiquen "de forma simultánea" en todas as linguas cooficiais do Estado e denunciou a "tardanza" actual, que "deixa sen sentido" este trámite.

Así o expresou durante a súa intervención nun coloquio sobre as linguas cooficiais do Estado, que tivo lugar onte no Consello da Cultura Galega no marco de I Seminario de Planificación Lingüística, e no que participaron o subdirector académico do Instituto Cervantes, Casto Fernández; e o ex director xeral de Cooperación Autonómica do Ministerio de Administracións Públicas, José María Vidal.

Deste modo, Marisol López defendeu a "necesidade" de impulsar "a plena igualdade" das linguas e de fomentar o galego no ámbito xudicial, sobre todo, tendo en conta o último informe sobre a Carta de Linguas Minoritarias da Unión Europea, na que se puxo de manifesto o "déficit" da cooficialidade das linguas no ámbito da xustiza.

Ao respecto, apuntou a "importancia" de que se modifique a Lei Orgánica do Poder Xudicial para que "os xuíces recoñezan as linguas das comunidades autónomas" e isto "non constitúa só un mérito". Así mesmo, postulou as universidades como sede na que "o galego debe xogar un papel importante".

Por outra banda, referiuse ao protocolo de colaboración asinado entre Cataluña, País Vasco e Galicia polo que se levarán a cabo medidas conxuntas co resto do Estado. Entre outras, destacou (deste protocolo) a necesidade de que o sistema educativo favoreza a presenza de materias (no conxunto de España) nas que se faga referencia á "realidade plurilingüística" e á "diversidade de culturas".

Previamente ao coloquio, o profesor da Universidade de Valencia Ángel López García-Molíns inaugurou a xornada cun discurso baixo a epígrafe A política do Estado español: da monoglosia á diversidade.

O seminario concluíu á tarde cun panel sobre a "necesidade dunha política lingüística de Estado", no que participaron o profesor da Universidade do País Vasco Benjamín Tejerina; a profesora Alba Nogueira, da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Moreno, da Universidade de Alcalá de Henares; e o presidente do Institut Ramón Llull, Josep Bargalló.

Ademais, na xornada de onte o profesor da Universitat de Girona Ignasi Vila e o da Universidade de Santiago Bieito Silva abordaron o recentemente aprobado decreto do galego.

! NA CORUÑA

O PP defende o bilingüismo local

O grupo popular no Concello da Coruña presentará no vindeiro pleno unha moción na que insta o goberno local a que adopte as medidas que garantan o dereito dos cidadáns a comunicarse e recibir a información municipal na lingua oficial que desexe, e que, para isto, se redacten en galego e castelán todos os documentos oficiais, materiais informativos e divulgativos editados polo Concello ou os centros que del dependan. O grupo popular afirma ter recibido queixas de cidadáns e asociacións sobre a edición, só en galego, dos documentos informativos e folletos que editan Cultura e Xuventude .