Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es
en ferrol
Semana Santa: en galego
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a Coordinadora de Confrarías só emprega o castelán nos carteis, procesionarios e revistas // A entidade respondeu cunha felicitación no Nadal escrita en vasco
PATRICIA HERMIDA • FERROL | 05.04.2007
Collemos un procesionario, unha revista, un folleto da Semana Santa de Ferrol... e só o leremos en castelán. Cruzaremos as rúas ante os carteis da Passio e nunca aparecerá o galego. Pese a financiación de Administracións públicas, como a propia Xunta de Galicia, a Semana Santa desta cidade só emprega o castelán na súa difusión. Así o denuncia a Mesa pola Normalización Lingüística: "A lingua propia de Galicia está absolutamente ausente en publicidade, actos litúrxicos, material impreso".
Coincidindo con estas datas, a Mesa impulsa de novo a súa campaña de concienciación nun evento declarado de Interese Turístico Nacional. O chamamento á cidadanía realízase sobre todo a través da propia páxina web da entidade: pide que se envíen cartas de reclamación á Coordinadora de Confradías ou a cada Confradía "para un uso activo do galego en publicidade e liturxia". Fran Rei, un dos voceiros da Mesa, recalca que "a Xunta e os concellos teñen como patrocinadores a responsabilidade do uso social do galego, deben condicionar a financiamento á presenza da nosa lingua".
¿Como responderon as confradías? Segundo a Mesa, o ano pasado houbo "silencio absoluto". E a sorpresa chegou no Nadal. A entidade de Normalización Lingüística recibía unha postal das Confrarías. A felicitación contiña no interior unha única palabra a grandes trazos: zorionak. En vasco significa "parabéns". Fran Rei indica que "isto é unha burla e mofa do galego".
A Mesa quere deixar claro que respecta e apoia esta celebración, e destaca neste sentido: "Hai moita xente da Semana Santa que mantén a fe católica e amósase receptiva a estas reclamacións, na Igrexa tamén atopamos moitos casos de esforzos na defensa da lingua".
A entidade tamén fai referencia á importancia turística do evento, e da diversidade como atractivo para os visitantes. "Outros territorios sacan partido desa diversidade para atraer turistas, o galego tamén é un dos atractivos da nosa terra, non existe o monolingüismo", expresa Fran Rei.
PROCESIÓNS POLO CENTRO
A Paixón máis mariñeira
Ferrol naceu no vello centro mariñeiro, e alí o fervor álzase dende as propias casas de dúas plantas: con pequenos Cristos nas entradas. E o desfile de capuchóns, brancos cirios e cruces partiu onte deste barrio: coa tradicional procesión do Cristo dos Navegantes.
Seguíronlle outras tres procesións: a de Nosa Señora da Mercé e Cristo Redentor, Cristo do Perdón e María Santísima dos Desamparados, e a da Penitencia. E hoxe temos un dos días grandes, coa paixón concentrada en dúas procesións. Ás sete e media da tarde xa parte a Confraría das Angustias con catro pasos. E pola noite sairán de Amboage sete pasos da Confraría de Dolores no memorial da Paixón, Morte e Resurrección de Cristo.

