El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

Director de 'A Nosa Terra'

Eiré: "Deixo a dirección de 'A Nosa Terra', pero sigo sendo xornalista"

O histórico semanario comezará esta semana unha nova andaina marcada polo dixital e baixo a batuta do xornalista Manuel Veiga // Eiré, cabeza visible do xornal durante vinte e cinco anos, espera lograr, dende o posto de conselleiro delegado, un futuro aínda mellor que nos últimos cen anos

ROSA RODRÍGUEZ • SANTIAGO   | 01.12.2007 
A- A+

M.Blanco
Alfonso Eiré, director de ‘A Nosa Terra’, nunha imaxe de arquivo
FOTO: M.Blanco

A Nosa Terra vive unha etapa de mudanzas tras cen anos de exitosa existencia. Imbuída polo remuíño do dixital emprende un cambio radical que a levará a converterse nunha multimedia. Alfonso Eiré deixa atrás case trinta anos á cabeza do xornal, posto que ocupará o xornalista e escritor da casa Manuel Veiga, para dedicarse el á xestión como conselleiro delegado. O próximo martes lévase a cabo a remuda como acto central dun ano pragado de premios e de recoñecementos. Primeiro presentarase o novo semanario totalmente reformado e adecuado ós campos actuais, en canto a maquetación, contidos, tirada a toda cor, e un 25 por cento máis de páxinas. Ese mesmo día nacerá ó xornal dixital 'anosaterradiario' para o cal se ampliou a redacción en 22 persoas e, ademais, abriuse unha delegación en Santiago. Tamén ese día, Alfonso Eiré, deixará o seu posto de director, aínda que como el mesmo di, "non por iso deixarei de ser xornalista".

_ Esta nova etapa daráselle o mesmo pulo ó dixital que ó papel?

_ Seguimos apostando polos dous. Necesítase un xornal diario pero a rede dá unhas posibilidades moi importantes como a dun diario dixital, unha radio por internet e unha tele, que xa está en marcha. Pensamos que o dixital ten que estar en contacto coa diáspora galega. Vai ser un vínculo que propicie que os emigrantes estean máis en contacto coa súa historia, coa súa vila e co noso ser.

_ Pensas que cambia moito publicar na rede?

_ Son soportes distintos. Hai que adaptar o xeito de escribir e isto é un reto que todo o mundo está probando agora. Entraña gran dificultade pero nós agardamos que as sinerxías dun medio e doutro se complementen.

_ Supoño que o lema de 'ollar o mundo dende Galicia' non cambiará?

_ Non, porque iso é o que distingue os xornais galegos doutros. É onde pos o prisma das novas, dende ollas o mundo. A diferenza entre uns e outros é que intereses defendes e onde te sitúas para ver o que acontece.

_ Que evolución ideolóxica seguiu 'A nosa Terra' nestes cen anos de vida?

_ A evolución que tivo o nacionalismo. 'A Nosa Terra' estivo ligada ó ideal dos agraristas, despois ó das Irmandades da Fala, ó do Partido Galeguista, e despois ó nacionalismo que se creou a partir dos anos sesenta en Galicia. Foi o motor destes movementos políticos e sociais. Non se dedicou só a transcribir o que estaba pasando senón que propiciou que se deran estes cambios e estivo presente dende o primeiro momento na reconstrución nacional de Galicia, no que se coñeceu nalgún tempo como "facer país".

_ Asinarías por outros cen anos así?

_ Non. Asinaría por outros cen anos mellores, nos que en Galicia se siga consolidando a construción nacional e que as sementes que puxeron os nosos devanceiros e puxemos nós se consigan. E diría máis: foi moi importante a xeración Nós pero a xeración de A Nosa Terra destes últimos trinta anos valorarase na súa xusta medida cunha prespectiva histórica. Esta xeración contribuíu á formación nacional de Galicia dende unha altura intelectual e non soamente de compromiso.

_ O certo é que este ano foi prolífero en premios e en recoñecementos.

_ Ata certo punto é lóxico que se recoñeza a súa traxectoria pois é unha data sinalada, sobre todo coa historia que ten este semanario no que participaron as personalidades máis importantes sen quedar ningunha agás os fútbolistas, como digo eu.

_ Galicia cambiou coa remuda do Goberno ou é máis do mesmo.

_ Galicia vai... que hai algúns anos nin ía. Hai cousas que nos levan a pensar que se pode ser optimista. Se es pesimista con eses poucos cambios non fas nada. As cousas cambian cando queremos que cambien.

_ Por último, deixas a dirección o que, coido, supón un gran cambio no eido persoal.

_ Si, pero non deixo de ser xornalista. Eu tiven que asumir a dirección do semanario cando a min o que máis me gustaba era o reporteirismo. Agora considerouse que a miña experiencia a debía centrar sobre todo na parte empresarial, que é moi importante xa que para facer callar un proxecto ten que haber unha empresa sólida. É a idea de que os xornalistas fagan de ponte entre a empresa e as publicacións. É algo que se está impoñendo con éxito e é algo que nós imos ensaiar. Así e todo, os labores como conselleiro delegado non me impedirán facer xornalismo, que é a miña voación e o que me gusta. No xornalismo hai moitas tarefas, a xestión é unha delas e eu asúmoa con gusto e esperanzado porque vexo un futuro mellor aínda, que nestes cen anos.