El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

nomeamento

A Real Academia Galega acolle no seu plenario a Margarita Ledo Andión

A escritora e cineasta ocupará a cadeira que permanecía vacante tras o pasamento de Miguel Anxo Araúxo // A catedrática da USC será a quinta muller na institución

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 30.03.2008 
A- A+

Margarita Ledo, nun acto celebrado no Día da Muller Traballadora

O plenario da Real Academia Galega (RAG), reunido onte na Coruña en sesión ordinaria, acordou nomear académica numeraria a luguesa Margarita Ledo Andión, que ocupará a vacante que se produciu tras o falecemento do tamén académico numerario Miguel Anxo Araúxo Iglesias, en xullo do 2007. Esa cadeira fora ocupada, entre 1929 e 1976, por un dos grandes nomes da cultura galega, Ramón Otero Pedrayo.

O ingreso de Ledo na RAG supón ademais a chegada do universo da imaxe á institución da rúa Tabernas. Non en van, esta escritora e cineasta, nada en Castro de Rei en 1951, é na actualidade catedrática de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC).

Margarita Ledo estudou xornalismo na Escola Oficial de Barcelona e foi lectora da Facultade de Letras do Porto (Portugal). De volta a Galicia, puxo en marcha e dirixiu durante tres anos o semanario A Nosa Terra.

Anos despois, exerceu a docencia na Facultade de Ciencas da Información da Autónoma de Barcelona, fixo o doutoramento e, de volta outra vez a Galicia, participou na fundación da Facultade de Ciencias da Información da USC, da cal foi decana. No eido do xornalismo e da comunicación audiovisual é autora de obras de referencia como Prensa e galeguismo (1982) ou Foto-xoc e xornalismo de crise (1988), alén de artigos e volumes científicos. Como poeta, é autora de dous importantes libros nos primeiros anos da década dos 70, Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto (1970) e O corvo érguese cedo (1973), ambos os dous na editorial Xistral, e asinou dúas novelas singulares no panorama narrativo dos 80, Mamá-Fe (1983) e Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985). A RAG salientaba onte que Ledo é "unha das personalidades literarias máis interesantes do noso tempo".

Entre a súa obra fílmica destaca a dirección e guión das longametraxes Santa Liberdade (2004) e Liste, pronunciado Líster (2007).

O nome de Margarita Ledo completa o plenario da RAG e é, despois de Olga Gallego, Luz Pozo, Rosario Álvarez e Xohana Torres, a quinta muller que ingresa na RAG.