Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es
distincións
Luís Rei faise co Premio da Crítica por 'O señor Lugrís e a negra sombra'
En poesía en galego a gañadora foi Helena de Castro coa súa obra 'Vigo' // A escala estatal, os galardoados foron Rafael Chirbes e Chantal Maillard
REDACCIÓN/AGENCIAS • SANTIAGO | 06.04.2008
![]() O escritor e xornalista Luís Rei e a poeta Helena de Carlos
|
O escritor e xornalista Luís Rei Núñez foi galardoado onte cos Premios Nacionais da Crítica en novela en galego pola súa obra O señor Lugrís e a negra sombra (Xerais 2007), mentres que no apartado de poesía en galego a galardoada foi Helena de Carlos polo seu poemario Vigo.
En O señor Lugrís e a negra sombra, o seu autor combina a biografía e a ficción para construír un relato en torno a figura do pintor galego. Un home que, segundo confesaba Luís Rei nunha entrevista en Galicia Hoxe con motivo da publicación da novela, que coa súa morte se vía reducido a tres tópicos -o último bohemio, un pintor surrealista e un pintor do mar-, tópicos que o recente Premio da Crítica quixo derribar. "Eses tres sambenitos limitan demasiado unha realidade máis rica, exclúen ó Lugrís escritor, que tomou moi en serio a literatura", aseguraba Rei.
Porén, a dificultade para acceder a unha visión en conxunto do fillo do histórico galeguista e escritor Manuel Lugrís, explícase tamén pola dispersión da súa obra pictórica. "Mentres non haxa unha gran pinacoteca galega, escaparate natural da obra dun Laxeiro, Seoane, Lugrís ou Castelao, vai ser difícil que estea ó alcance do pobo", recoñecía nesa entrevista o xornalista coruñés, quen ademais afirmaba que o seu interese por Urbano Lugrís lle vén de lonxe.
Por outra parte, e respecto a Vigo, o poemario de Helena de Carlos, trátase dunha obra dedicada á cidade olívica, cun ton elexíaco e ecos clásicos, escrito nun verso elegante e equilibrado, onde o tempo e a memoria son dous elementos moi presentes", segundo explicou onte a representante do xurado María Jesús Noveira.
A escala estatal, o escritor Rafael Chirbes, pola obra Crematorio, e a poeta Chantal Maillard, por Fíos, foron os gañadores dos Premios Nacionais da Crítica en poesía e narrativa, respectivamente, ditaminados onte en Huelva.
NOUTRAS LINGUAS
En catalán e en eúscaro
A crítica catalá premiou, segundo Josep Ballester, dúas obras que "reflexionan sobre as relacións entre vida e escritura", L'home manuscrit, de Manuel Baixauli, e Casa de Misericordia de Joan Margarit.
En éuscaro os galardoados foron Antzararen bidea (O camiño da oca), de Jokin Muñoz, e Jainkoa harrapatzeko tanpa (Unha trampa para cazar a Deus), de Jon Gerediaga.
Os premios non teñen dotación económica pero si un gran prestixio no mundo literario .


