El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

literatura infantil e xuvenil

Fernández Paz, premio Nacional

O galardón que outorga o Ministerio de Cultura distinguiu onte o volume de contos 'O único que queda é o amor', publicado en Edicións Xerais // O autor, que agora se dedica por enteiro á escrita, amósase satisfeito polos diversos recoñecementos ás letras galegas

REDACCIÓN/EFE/E.P. • SANTIAGO   | 24.10.2008 
A- A+

Julián Martín/efe
Agustín Fernández Paz, Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil
FOTO: Julián Martín/efe

Agustín Fernández Paz, flamante gañador onte do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, non pode disimular a súa alegría ante os recoñecementos que numerosos escritores galegos están logrando nos últimos tempos polos seus "interesantes" traballos e a súa achega á literatura.

Fernández Paz soubo que era o gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, concedido polo Ministerio de Cultura, pola súa obra en galego O único que queda é o amor, cando volvía en coche á súa residencia familiar e recibiu unha chamada persoal do ministro de Cultura, César Antonio Molina.

O escritor, que goza este ano por primeira vez desta profesión tras abandonar o ano pasado o exercicio do ensino secundario nun instituto de Vigo, púxose "nerviosísimo" cando oíu a voz do ministro para comunicarlle un premio ao que outros anos xa optara e nunca conseguira, e que, segundo indicou, ten "a súa parte de azar".

A obra pola que este ex profesor de Lingua Galega gañou onte o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil é O único que queda é o amor, editada por Xerais na súa versión orixinal en galego e en español por Anaya en 2007, con tradución de Isabel Soto.

O libro é un conxunto de relatos que teñen o amor como eixe común, e cuxos finais revisten o encanto e o desencanto cun bafo de optimismo ao apostar decididamente os seus protagonistas polo amor. Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián son personaxes dos seus relatos que namoran e descobren un sentimento poderoso no amor, capaz de transformar as súas vidas e de cambialas por completo, pero tamén coñecen o lado amargo do desamor, da ausencia e do amor frustrado.

Ademais, a edición incorpora tamén unhas delicadas ilustracións de Pablo Auladell en O único que queda é o amor, premiado o pasado mes de decembro pola Asociación Galega de Editores co Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil. Fernández Paz tamén foi o gañador da modalidade infantil do XX Premio Edebé coa súa obra A escola dos piratas, mentres que un ano antes foi proclamado gañador, na modalidade de autor, da XIII edición do premio Irmandade do Libro.

"Este é o primeiro ano no que podo dicir de verdade que son escritor", aseguraba onte, aínda que lamentou perder o "estimulante contacto cos mozos" por mor da súa prexubilación, pero recoñece que a escrita "rouba moitas horas; é un buraco ó que lle podes meter todo o tempo que queiras". O escritor é ademais membro do Relatorio de Lingua do Consello da Cultura Galega e codirixe, tamén, a Colección Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil, de Edicións Xerais. Pertencente aos colectivos de renovación pedagóxica Avantar e Nova Escola Galega, unha grande parte dos seus traballos xiran en torno a temas como a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua ou a súa introdución nos medios de comunicación.

Os lectores en potencia da mocidade

"Non comparto a visión negativa sobre a relación dos mozos coa literatura", afirmaba onte o escritor galego Agustín Fernández Paz, galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008. "Dise que no pasado, os mozos lían máis. Pero creo que coa actual democratización da educación, hai un grupo de lectores magníficos e outro grupo que busca libros que encaixen con eles. Aí entra o papel do mediador en bibliotecas e centros, que debe ofrecerlles camiños", afirma. "Hai unha potencialidade latente de lectura entre os mozos", engadiu.

Finalista do Nacional noutras ocasións, Paz declarou que "sempre foi unha fortuna" quedar no tramo final do premio. "O libro está feito cos fíos da vida e ten unha dose de verdade e emoción que quizais poida tocar ao xurado este ano", sinalou. Fernández Paz sinalou respecto do tema do seu libro que o amor, "a calquera idade, ten unha facultade esencial que é a de poder cambiar a nosa vida. É un tema inesgotable", concluíu .

AS CLAVES

O xurado que onte resolveu o galardón

O director xeral do Libro, Rogelio Branco, presidiu o xurado, do que tamén formaron parte Mónica Fernández, Margarita Salgas, Manuel González, Xavier Etxaniz, Emili Teixidor, Cristina Minguillón, Remedios Morais, Marta Rivera, Rosario González, María Penéndez, e os últimos autores galardoados, Fernando Marías e Jordi Sierra i Fabra .

O próximo, a novela 'Lúa do Senegal'

Na primavera sairá á luz Lúa do Senegal. "Sairá posiblemente en marzo, primeiro en galego e logo en castelán", detallou. A novela conta a historia dunha nena que vén a España vivir co seu pai, un inmigrante senegalés, e ten que adaptarse ao novo colexio e á vida europea. "A lúa é o único que ela atopa en común entre o seu país e España", di.