El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

escritoras

O Padre Sarmiento abre este luns o ciclo 'Vida e tempo de Sofía Casanova'

O encontro evoca a figura da narradora, poeta e correspondente de guerra coruñesa // Unha mostra e varios relatorios lembran a autora a 50 anos do seu pasamento

AGN • SANTIAGO   | 15.11.2008 
A- A+

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento comeza este luns o ciclo Vida e tempo de Sofía Casanova. A actividade coincide co 50 aniversario do pasamento en Polonia da escritora, poetisa e correspondente de guerra nada en Culleredo en 1861.

Así, a sede do Instituto Padre Sarmiento en Santiago acollerá o luns ás 19.30 horas a inauguración da exposición Novas e vellas edicións de Sofía Casanova, e contará coa presenza do director do IEGPS, Eduardo Pardo de Guevara; do coordinador do ciclo, Antón Pazos, e con Ewa Pawolowska, presidenta da Asociación Polonia en Galicia.

Tras a inauguración, terá lugar a conferencia La atormentada Polonia de Sofía Casanova, a cargo do profesor de eslavística na Universidade Complutense de Madrid e experto en literatura hispano-polaca, Gregorz Bak. Para rematar, proxectarase o filme Generación.

A mostra conta con libros e pezas sobre Casanova e comprende o período de tempo que vai de finais do século XIX a mediados do século XX. Alí exporanse as principais obras da autora, así como traballos de investigación, biografías ou reedicións dos seus libros recentes. A exposición permanecerá aberta ao público ata o 28 de novembro con entrada de balde.

Ao longo do mes sucederanse conferencias e mesas redondas arredor deste personaxe. Así, o martes, ás 19.30 horas, o director e a xefa de produción de Saga, Marcos Gallego e Inés Colmeiro, e a profesora da Universidade de Santiago Rita Martín falarán de Sofía Casanova en el cine. Ao remate da charla programada, pasarase o documental A outra Galicia, de Marcos Gallego.

Ao día seguinte, a profesora María del Rosario Martínez falará da traxectoria vital da escritora, e proxectarase o filme polaco Kanal. Sofía Casanova e as primeiras mulleres correspondentes de guerra será o tema do que falará o vindeiro xoves 20 de novembro a profesora Olga Osorio, e proxectarase Sin novedad en el frente.

Pola súa banda, a profesora Carmen Blanco falará o martes 25 de novembro sobre Mulleres e literatura na Galicia de Sofía Casanova, mentres que a profesora da Universidade de Liverpool Kirsty Hooper abordará o declive da muller intelectual no século XX español.

O DATO

Películas e debate

O xoves 27, Kirsty Hooper, Antón Pazos e a profesora Mª del Rosario Martínez participarán na mesa redonda Retrato ideológico de Sofía Casanova. Proxectaranse tamén filmes como To be or not to be, La pasajera ou Las bostonianas .