El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

pan e coitelo

Dous cisnes

BIEITO IGLESIAS   | 08.06.2006 
A- A+

O sábado pasado acudín á casa consistorial, onde me recibiron con música de Marin Marais e de Castro Chané (letra de Curros e voz de María Manuela), interpretada polas violas de Xurxo Varela e Francisco Luengo. Alí en Raxoi coincidín co meu amigo e concelleiro de Facenda Xaquín Leiceaga, quen, en lugar de reclamarme tributos municipais atrasados, leu Soedades da miña branca señor, delicado poema de Álvaro Cunqueiro. Os prodixios non remataron aí porque, acto continuo, intercambiei aneis coa muller que mora comigo desde hai vinte e cinco anos. No instante de trocar alianzas (valereime dunha paráfrase da mellor descrición dun sorriso que coñezo, escrita por míster Nabokov), agarrou o ouro vello do casco antigo de Santiago, a estampa ubérrima do monte Pedroso, o frescor da praza dos Vosgos parisiense, a laca negra dunha góndola veneciana, un lago suízo con dous cisnes? e entregoumos.

O sortilexio trasladouse logo á rúa da Conga, ao restaurante A Curtidoría, no que os deuses inmortais -o seu vigario Borja Portals- dispuxeron, entre outras viandas e resolios olímpicos, lascas de ombreira, salada de zamburiñas, queixada de boi, un viño que nos levou entre néboas espirituosas a certo día de antroido na cidade que sobrenada un golfo do Adriático e a aquel conto de Edgar Allan Poe: O bocoi de amontillado.

De regreso na casa, entremeada nun lote de agasallos, apareceu unha recompilación de entrevistas televisivas de Joaquín Soler Serrano no programa A fondo. Seguín uns minutos a de Josep Pla, que contén curiosas respostas a preguntas non menos agudas: Dostoievski? Un dexenerado. Azorín? Non sabía castelán. Socialismo? Un luxo pagado polo capitalismo. O sentido da vida? É moi importante comer algo. Moral? Cando gobernan os virtuosos, a xente morre de fame. Lecturas? O tipo de máis de trinta e cinco que le novelas é un cretino. Quen é Josep Pla? Son un home solteiro.

Así pois, segundo a docta opinión do ironista ampurdanés, o estado civil é atributo esencial das persoas.

Desde o sábado son casado; desculpen que, por unha vez e sen que sirva de precedente, referise unha xornada particular.