El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

extramuros

LUÍS GONZÁLEZ TOSAR ESCRITOR

O PEN, Lorca e Neruda

30.10.2007 
A- A+

Aínda que sei que é algo que se non debe faguer, enferro esta crónica aclarando que o que suscribe -mozalbete que trouxo canda si algunha que outra lectura de Buenos Aires, mozo barbado nos setenta, en Vigo-, non lera a García Lorca até recibir, na capital da Terra de Montes e con vinte de idade, unha recomendación de Avelino Cachafeiro Bugallo. Si señor, foi o propio gaiteiro de Soutelo, nunha tardiña morna de setembro de 1972, ao pé do Auto Industrial que cubría a liña Vigo-O Carballiño-Ourense, diante da bomba de gasolina que el mesmo atendía, fronte por fronte da funeraria, que tamén era súa, quen me dixo: "agradecido por mercar o meu libriño, pero se o que quere é ler un bo poeta, busque a Federico García Lorca". Foron as miñas primeiras lecturas de universitario: Voando coas aas das vida, de Avelino Cachafeiro Bugallo, prólogo de R. Otero Pedrayo, 1969 -exemplar mercado aquel día ao grande gaiteiro-, e Poeta en Nueva York, de Federico García Lorca, Ed. Losada, 1967, volume que adquirín, recén chegado a Compostela, na librería da Rúa Nova rexentada por Eduardo -alcumado O Xudeu.

Ao PEN Internacional fundado en 1921 en Londres, cábelle a honra, entre outras moitas, de ter organizado, a través do PEN arxentino, no Hotel Plaza de Buenos Aires, en novembro de 1933, o encontro entre Pablo Neruda e Federico García Lorca. Foi o PEN, como non, a primeira institución que denunciou o vil asasinato do poeta, aquel terrible 19 de agosto de 1936, en Viznar, Granada. Cómpre este tipo de recordatorios porque un individuo, mediano e dogmático escritor, ao que convidei a participar do noso clube literario xa hai tempo, contestoume que o PEN non estaba nada claro que fose unha organización progresista. Verdade é que a ignorancia sempre resulta atrevida.

luisgtosar@mundo-r.com