Noticia 1 de 1
Opinión
| opinion@elcorreogallego.es |
RSS
no pasar dos días
SALVADOR GARCÍA-BODAÑO DA REAL ACADEMIA GALEGA
As pontes no ceo
09.12.2007
Aeficacísima e afábel carteira que nos trae puntualmente a correspondencia ata o Casal das Figueiras -Lita, como todos lle dicimos- deixou xunto con outros envíos postais, hai días, un grande sobre de correos cun voluminoso libro. Viña remitido por Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) dende a Rúa Santa Marta, en Lisboa, onde asenta o Instituto Cervantes que el está a dirixir a día de hoxe. En conversa telefónica, xa me tiña anunciado o inmediato envío desta súa última obra literaria apenas acabada de saír do prelo. Nas súas palabras, cómpre dicir que era perceptíbel unha certa emoción. O volume titúlase As pontes no ceo, corresponde a unha primeira edición de novembro de 2007 (da colección Narrativa, de Xerais), e consta de 563 páxinas, cun denso contido de atraente prosa e léxico depuradísimo, que se vai estruturando en oito apartados: Novos tempos; Herdanza de heroes; Levántate, maio; Soños queimados; O misterio do azul de metileno; Un verán con historia; Verbenas, días de adeus; e As festas. Trae unha cordial dedicatoria manuscrita, que lle agradecemos sinceramente.
O libro ábrese con dúas citas moi oportunas: unha de Charles Baudelaire: "Le génie n'est que l'enfance nettament formulée" ("O xenio non é máis que a infancia netamente formulada", se ben en versións máis elaboradas ata coido que se chegou a interpretar 'le génie' 'Le Génie' como os Románticos); e outra de James Joyce, escollida de xeito atinadísimo, e sen dúbida difícil, de entre ese fiasco narrativo e lingüístico que caracteriza ao Ulises: "He returns after a life of absence to that spot of earth where he was born, where he has always been, man and boy, a silent witness" ("El volve despois dunha vida de ausencia a aquel lugar da terra onde nacera, onde sempre fora, de home e de rapaz, un silente testemuño..."). Desexándolle a Ramiro, amigo de vello, que ata dentro doutros cincuenta anos, polo menos, como os que agora ten, non se cumpra a segunda parte omitida da oración gramatical completa na referencia de Joyce. Coa escolla de ámbalas dúas citas, o autor fainos un axustado e moi suxestivo adianto dos eixes nos que nesta nova novela se encadran as liñas da súa forza creadora. Dunha banda, temos a infancia como universo vital, como cronografía da apertura existencial ao mundo. Doutra, o testemuño, é dicir, a narratividade. Ramiro Fonte, completa así, con esta lograda entrega, o volume final dunha triloxía rematada baixo o título xeral de Vidas de infancia I-II-III, que comezou a publicar en 2003, con Os meus ollos, e, en 2004, con Os ollos da ponte, para rematar en 2007, con As pontes no ceo.
Ben chea de contento pode estar a fermosa capital do Eume e as súas xentes, porque un escritor e un poeta do talento de Ramiro Fonte viñera dar en facela pasar á memoria literaria en corpo e alma, citando os seus espazos do pasado e os nomes e apelidos que andaron aqueles días.
Cunha prosa enormemente coidada, chea de viveza, de riqueza mesmo metafórica, non exenta dun certo lirismo e dunha grande naturalidade, fánsenos chegar magníficos cadros daquela vida que non é realidade finxida, memorias ficticias, senón a vida mesma, a pulsión humana. Moi lonxe dun costumismo frío, estático, anecdótico. Mesmo nas achegas cultistas non falta unha leve presenza de humor. Lembranzas de infancia completadas e revividas dende o futuro. Como se aínda aquel pasado existise arredor da praciña das Angustias.


Envíanos tu carta
Envíanos tu foto denuncia