El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

ao raiar o sol

LUÍS GONZÁLEZ TOSAR ESCRITOR

O de Marras

31.08.2008 
A- A+

Estounos vendo. Ambos os dous no Moi Ilustre Centro Galego da Habana, no local onde aínda funcionan unhas cantas "sociedades", as máis delas centenarias, fundadas por veciños dun lugar, dunha parroquia, dun concello, dunha comarca, destinadas á instrución que eles non levaron. Velaí a epopeia: erguer e manter unha escola, xuntarse para que a luz e o progreso cheguen lonxe, alumeando a Terra Nai. Véxoos discutir. Manolo Vázquez Montalbán emocionadísimo, lembrando o seu pai emigrante na Habana, alumno nocturno da escola do Centro Galego, o Plantel Concepción Arenal...El, o outro, levándolle a contraria ao bo do Manolo, burlándose de todos, de todo...E este vén sendo o famoso anano mandamáis, que gobernixa en Madrid? Cabilei para dentro. Non quixen xantar con el. Aquel fervellasberzas entrárame mal, atravesado. Tampouco era do caso leala; por Manolo, claro. Pasaron dous, tres anos, volvémonos atopar en Verines, Asturias. Carlos Casares, tolo pola tertulia, contaba e mandaba contar, xa se sabe... El, o outro, ría cun riso falso, interrompindo sempre con comentarios impertinentes. O peor era cando arremedaba, tratando de imitar o "acentu galeguiñu". A min lévabame o demo. Outro tanto ao pedir "más chistes de galegous". Daba noxo. Souben, por un bo amigo, que tan finchado merdán tivo que chincharlle tres quilos a un escritor noso ao que lle plaxiaran un título. Lástima, carallo! Hai pouco veu, de estrela, aos Encontros de Mariñán. Bieto Iglesias, a quen tomou polo seu teloneiro, deulle un repaso de campionato. Foise co rabo entre as pernas. Agora, nunha entrevista que lle fai a un vello arroutado, exemplo do intelectual francés, unitario sobre todo, demostra quen é: un pagado de si, abusador cos de abaixo. Certo que a literatura é ben xenerosa.