El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Crónica dunha morte ben anunciada

XOSÉ MANUEL SARILLE   | 17.04.2007 
A- A+

Desde hai dous decenios, estílase publicar na Galiza uns estudos estatísticos sobre a saúde do idioma galego. Converteuse nunha tradición máis das moitas que caracterizan este fermoso país.

O ritual até agora consistía no seguinte. Un centro, departamento, comisión, instituto, academia ou consello da infinita constelación dos existentes para negocios de lingua galega, publicaba un estudo que repetía a mala saúde do galego, apuntada no estudo do ano anterior, e a súa residualización como idioma vivo nun prazo relativamente curto. A continuación persoas e colectivos sensíbeis ao problema tocaban a rebato durante varios días, botaban as mans á cabeza, acenaban e sinalaban os culpábeis do descenso no número de falantes: a falta de vontade da dereita para levar a cabo a normalización lingüística. Cando pasaba unha semana, ao faltar a resposta do goberno do PP, as augas volvían ao rego e todos retornaban á feitura de letras galegas, poemas en xeral e á busca da estatística perdida, para dala a coñecer no seguinte ano.

Este foi o rito, até que agora se produciu o cambio, que consiste no seguinte. O Consello Escolar de Galicia publicou a semana pasada unha nova estatística que confirma o pésimo estado da lingua no ensino primario. Mais por primeira vez non hai queixas xeneralizadas, nin hai badaladas, porque xa non está o goberno do PP senón o dos nosos, que fan exactamente o mesmo que os outros nesa función, pero non vas arrear contra os teus.

Desta maneira os críticos volvéronse mansos que lamentan polas esquinas a debilidade do goberno do cambio, mais que viven pegados á nova administración e o primeiro é o primeiro.

Só o Vicepresidente Anxo Quintana dixo algo novo. Para el a realidade do estudo é tal como a pintan, só que a culpa é do vello goberno. Eu creo sinceramente que fan menos e peor que os anteriores. O decreto do PP de ensino era de primeira, copiado de Cataluña, mentres que o novo está copiado de Baleares, unha comunidade de segunda. E até a campaña de Fernández Albor titulada Fálalle Galego era superior a esta que agora se puxo en marcha. No demais, antes era a nada e agora a nada é.