El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Chamarlle marimacho a unha ministra

XOSÉ MANUEL SARILLE PROFESOR E ESCRITOR   | 19.06.2007 
A- A+

Os políticos con vocación municipal acostuman a ter un perfil bastante determinado. Son persoas afábeis, de trato próximo, que evitan as polémicas gratuítas e tenden á condescendencia. Era o caso de Pepe Rivera, en Fene, que aguantou até a extenuación e seguía ganando as eleccións sen saber como se acendía un ordenador. En troca tampouco deu nunca unha palabra máis alta que a outra en todo o municipio.

Resulta difícil atopar alcaldes que teñan afección pola puxa e que acaden grandes éxitos. Os poucos que hai acostuman a aparecer nas grandes metrópoles mundiais. A min o único que se me ocorre agora é Francisco Vázquez, que gobernou até hai uns meses na Coruña. Era bravo e con ganas de leria. Pero así fuxe a gloria mundana na política.

Un modelo de político parecido, pero moi diferente, trunfa tamén agora na arena parlamentaria. Elias Torres defíneo como a apoteose dos "buenotes", tipos mansos, obedientes cos líderes, sen grandes brillos, de carácter aparentemente débil, ao que finalmente se aproximan bastante. Se os electores fixésemos contas dos resultados da xestión, talvez concluiríamos que desembarcan máis pánfilos que "buenotes". Quen sabe.

Non é este o caso do concello compostelán, onde habitan as boas maneiras desde tempos ignotos e onde os cidadáns aproban, máis ou menos, o traballo político local. Por iso é un pésimo precedente que o novo candidato do PP se estree insultando a unha ministra, chamándolle nada menos que marimacho. Sería unha mala noticia que pretendese importar a crispación que se estila fóra de Galiza.

Sabemos que Conde Roa ten saque, témolo visto no Parlamento galego moi cerca das mans, pero agora o lugar é outro e por iso o xeito de reaparecer non é ese. Santiago é unha cidade culta, capital de Galiza, que debería ser máis exixente cos seus representantes e que non pode tolerar por moitas veces este tipo de saídas. Porque nos avergoñan a todos. Porque vitupera a persoas que son como son, ou como queren ser, sen que ninguén teña porque censurarlles absolutamente nada. E porque Conde Roa demostra ter pouca humildade para pedir desculpas cando corresponde facelo.