El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

no pasar dos días

Boas novas do hábitat

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO DA REAL ACADEMIA GALEGA   | 01.07.2007 
A- A+

A verdade é que, ata hoxe, o clima deu en se amosar ben pouco propicio para poder desfrutarmos da natureza e dos desprazamentos cara á xeografía costeira, ou polo menos hai que concluír -segundo vella expresión enxebre- que o tempo non está a axudar moito. Así e todo, a un non lle deixan de interesar as novas que se producen en relación co noso litoral de excepción: tanto as boas como as malas. As malas estánsenos a dar a eito nestes últimos anos, sobre todo por mor dos voraces excesos inmobiliarios que comprometen o necesario desenvolvemento racional e harmónico na beiramar. E malas son tamén, agora, as do fiasco do Courel, no interior. Claro que ata non é certo que ocorre o que está a ocorrer.

Das boas novas chegadas dos distintos medios, eu subliñaría, pola súa importancia para o prestixio do noso país, especialmente dúas. Dunha banda, o feito de outorgárense nada menos que 127 bandeiras azuis a praias de Galicia, que a sitúan en primeiro lugar, diante de Cataluña e Valencia, en todo o Estado. Esta distinción ven acreditar a escrupulosa observación, entre outros factores, dos índices de calidade da auga, da presenza de servizos sanitarios e de salvamento, ademais das condicións de accesibilidade. As bandeiras son concedidas pola Fundación Europea de Educación Ambiental, logo da avaliación dun xurado internacional integrado por membros do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente, da Organización Mundial do Turismo, da Asociación Internacional de Salvamento e Socorrismo e outras organizacións ecolóxicas. Ben sabemos, por propia experiencia anterior, da súa rigorosidade.

Doutra banda, debe ser tamén causa do noso mellor orgullo colectivo a grata circunstancia de que a magnífica Praia das Rodas, situada no Parque Natural Illas Cies, fose declarada a Praia Mellor do Mundo, pero non como un galardón autóctono de auto-complacencia ou de autobombo político, senón por The Guardian, un dos mais destacados xornais británicos. Nun dos seus últimos suplementos, Viaxes, é onde aparece a Praia das Rodas encabezando unha reportaxe na que Gavin McOwan aconsella as dez mellores praias do mundo, entre as que contan as da Illa Palawan nas Filipinas, de Thailandia, do Brasil, da India, ou en Dorset no propio Reino Unido. Con humor, comenta que as xentes da bisbarra lle chaman a súa praia caribeña, "e pola auga abondo turquesa e a area branca abondo é críbel a comparanza... ¡ata que metes un dedo do pé na auga!". McOwan fai tamén un curioso comento en favor desta praia das Cies: "O mencionar as praias españolas, instintivamente a xente pensa nas do Mediterráneo. Nembargante, a salvaxe e incríbel costa de Galicia, xusto ao norte de Portugal, ten praias moito máis espectaculares e con menos xente. Unha das xoias desta costa está nas Illas Cies, a 40 minutos en barco dende a fermosa vila de Baiona".

Ao longo da miña vida, teño ido en moitas ocasións ata as Cies e, por suposto, teño estado na estensa Praia das Rodas, co seu lago-mar, de augas máis cálidas, e con toda a ría fermosísima abríndose de fronte. Teño feito a viaxe dende Vigo, no vapor de pasaxeiros, fendendo as ondas luminosas da mañá entre arrecendos de escumas e salitre. Teño abeirado ás illas todas pola parte do mar aberto ao pé dos altos cantís. E, hai anos, arribei na punta da Illa do Norte, dende Cabo do Home, na miña inesquecíbel zodiac, que arestora descansa maltreita sobre o seu remolque, baixo o porche do patio, varada nas lembranzas.