El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Todos os nomes

BIEITO IGLESIAS. ESCRITOR E PROFESOR   | 19.07.2007 
A- A+

Un estudo do Instituto Nacional de Estatística sobre onomástica descobre sorpresivas tendencias monárquicas en varias repúblicas sulamericanas (Arxentina, Bolivia, Colombia, Chile, Ecuador e Venezuela), que baptizan os fillos varóns coa graza de Juan Carlos. Pero este informe ten un interese maiormente local porque, desgallado por comunidades autónomas, retrata con pormenor o estado das lealdades nacionais en España. Revela por exemplo que existe práctica unanimidade na nomenclatura das mulleres. Predomina Lucía case a todel, coas excepcións de Euskadi (Irati), Cataluña (Laia), Navarra (Nerea) e Murcia (María). Nos chamadeiros virís hai maior diversidade, aínda con clara hexemonía de Alejandro e Pablo, que encabezan a lista en nove autonomías, destacando unha vez máis a disensión vasca (Aimar en Navarra e Iker en Euskadi) e dos Países Cataláns (Marc en Baleares e Cataluña).

Que acontece na Galiza? Pois que somos pouco orixinais e nomeamos Pablos (que non Paulos) e Lucías, fuxindo da onomástica vernácula e aplicando a consigna "en terra de lobos ouvear coma todos". Perda coidado Núñez Feijoo et alii, que o galego non lle vai comer as papas na cabeza ao castelán neste capítulo das nomeadas.

En antropónimos masculinos sinto ben que vaian desaparecendo o bizantino Belisario, o imperioso Adriano (por Adriano Correia de Oliveira e Adriano Celentano, benqueridos cantores) e a resonancia xermánica, wagneriana, de Gumersindo (guma "home" e swind "forte"). En feminino boto a faltar Dalias, xa que un ele intervocálico sempre evoca o galego medieval anterior á caída desa consoante en certas posicións, desventura que nos afasta de memorables versos como A las aves, meu amigo ou En Lisboa sobre lo mar. Dame rabia que os pais italianizantes insistan en Carlas e esquezan a Iva, aquela voz aloumiñadora da Zanicchi: La mia solitudine sei tu, la mia rabbia vera sei sempre tu.

En breve inzará o meu propio nome, grazas á propaganda que lle fai o tocaio Bieito XVI.