El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

A política anecdótica

XOSÉ MANUEL SARILLE PROFESOR E PERIODISTA   | 31.07.2007 
A- A+

É un mal costume dos políticos estar pendentes de todos os rebotes que salten nos xornais en vez de dedicarse a facer traballo de fondo. Queda mal que o presidente da Xunta de Galicia se atribúa para si cada boa noticia que acontece dentro do país. Se chega o ministro de industria anunciando un gasoduto, el apúntao como mérito propio. Se a economía de Galiza medra algo por riba da española, como neste ano pasado, considérao un froito do seu goberno, cando as estatísticas indican que desde hai vinte anos ás veces medra algo por riba e outras por baixo. Se os australianos contratan destrutores nos estaleiros de Ferrol, o mérito parece do seu goberno, cando as negociacións comezaron hai nove anos.

No entanto, sobre os grandes problemas non hai declaracións. Greenpeace anunciou hai máis dun ano que en Galiza van construírse oitocentas cincuenta mil vivendas. Unha superficie suficiente para o duplo da poboación galega. Daquela foi recollido por este xornal e por Galicia Hoxe, pouco máis. Os ecoloxistas volvérono repetir hai un mes con máis datos e máis eco, pero desde a Xunta de Galicia non hai valoracións.

Non se sabe apenas nada da nova organización administrativa do territorio, da división de Galiza en comarcas, rexións e áreas metropolitanas, comprometida no programa do bipartito.

O país perde poboación e ignoramos as medidas, os plans, as ideas para a recuperación. A Cidade da Cultura é un enigma grandioso, resulta un misterio saber onde se situará o prometido por Zapatero, onde se incrustará Latinoamérica, onde as ideas das forzas da cultura, as das cándidas e ilusas reunións deste outono.

Nada sabemos do Plan integral para Ferrol, ao que se lle dá unha man dialéctica cando visita Santiago algún alto cargo do goberno central.

Hai outras débedas e máis responsabilidades ante os cidadáns, tanto do goberno como da oposición, tan gris, desorientada e sucursalista esta última. A fracaso máis grave deica agora é o da reforma estatutaria, un espectáculo de quinta división. E a agonía do idioma galego, da que ninguén quere falar. A rexión europea e o lume deixámolo para cando pare de chover.